O Concello remata as beirarrúas da rúa Pontevedra

Silleda, 7 de abril de 2014. Os operarios municipais do Concello de Silleda iniciaron hoxe os traballos para completar o tramo de beirarrúa que faltaba na rúa Pontevedra (entre o edificio da Escola de Música e o cruce coa  rúa María Colmeiro. Trátase dun tramo de preto de 40 metros que estaba aínda sen rematar. Nos vindeiro días quedará ultimada esta obra, coa colocación da correspondente plaqueta, co que se mellora a urbanización nesta zona do casco urbano silledense.

Por outra banda, tamén dende o Concello se están a ultimar as obras de acondicionamento do solar habilitado como parquin público na rúa Colmeiro. Os traballos comezaron hai xa dúas semanas pero resta formigonar a entrada á parcela, cedida pola familia propietaria ao Concello. Dende o departamento de Obras e Servizos, Klaus Brey explica que en canto mellore o tempo e seque o terreo se procederá a adecentar a zona de acceso para deixar rematado xa este novo aparcamento público que beneficiará tanto á comunidade escolar do Colexio María Inmaculada como á poboación en xeral.