O Concello solicitou en varias ocasións a Fomento a necesidade de reforzar a seguridade na N-525 á entrada de Silleda en dirección Ourense

Silleda, 2 de setembro de 2014. O Concello de Silleda remitiu en varias ocasións ao Ministerio de Fomento, titular da estrada nacional 525,  solicitudes para mellorar a seguridade viaria no punto kilométrico 303,80, situado á entrada da vila de Silleda en dirección Ourense. Nesta ubicación atópase situado un paso de peóns no que xa se produciron varios atropelos, o último na xornada de onte.

“Dende o Concello propuxemos a Fomento distintas medidas para reforzar a seguridade neste punto, onde por desgracia se teñen producido accidentes, con varias colisións por alcance,  e sobre todo atropelos, algún con resultado de morte”, lembra o rexedor, Manuel Cuíña.

O pasado mes de marzo, logo de escritos anteriores, o alcalde volveu a solicitar á Demarcación de Estradas do Estado que se adoptaran medidas neste punto, propoñendo algunhas baseadas en informes do inspector da Policía Local.

En ditos informes se advirte da perigosidade deste paso para os peóns, situado nun tramo con velocidade limitada a 50 kilómetros por hora, pero nunha zona con cambio de rasante, o que dificulta a visibilidade.

Do mesmo xeito, dende o Concello propuxéronse actuacións correctoras ao Ministerio de Fomento que se poderían levar a cabo coma o ensanchamento das beirarrúas na desembocadura do paso para peóns. “Estas actuacións, que xa levamos a cabo en varias zonas do casco urbano, como as que estamos a facer na rúa Progreso, axudarían a reforzar a seguridade, xa que se mellora a visibilidade, e se permite, entre outros aos viandantes unha zona de espera máis próxima ao carril de circulación”. Outra das propostas municipais pasaba pola instalación de señais verticais con iluminación advertindo do perido para peóns, con luces intermitentes que chamaran a atención dos condutores.

Dende a Unidade Estradas de Pontevedra, respostouse logo do último escrito que o tramo está “ben sinalizado e limitado a 50 kilómetros hora”. Tamén se desbotou a posibilidade de ensanchar as beirarrúas aducindo que esta medida “afectaría negativamente á circulación”.

Prohibición de estacionamento

No mesmo escrito, dende a Unidade de Demarcación de Estradas informouse de que para mellorar a visibilidade e a seguridade dos peóns, se procedería a prohibir o estacionamento nos 10 metros anteriores ao sentido da marcha dos vehículos nos pasos de peóns das travesías de Silleda e da Bandeira.

“Esta medida, que xa se aplicou noutras localidades está axudando a mellorar a visibilidad”, sinala o alcalde, Manuel Cuíña, lembrando que hai xa varios meses que Fomento prohibiu estacionar xunto aos pasos de peóns.

Dende a Asociación de Veciños Olaia tamén se formulou no seu día unha petición para mellorar a seguridade viaria en varias zonas de Silleda, entre eles sobre este punto conflictivo á entrada do casco urbano.

Dende o Concello de Silleda, tal e como xa se anunciou en días pasados, estanse a adoptar diversas medidas de seguridade en tramos de titularidade municipal de Silleda e A Bandeira, en zonas escolares e de parques infantís, para previr os atropelos, “pero neste caso é Fomento como titular da estrada nacional quen ten a potestade de actuar”, advirte o alcalde.

Deste xeito, dende o Concello de Silleda continuarase en contacto cos responsables de Estradas do Estado, “para seguir reclamando, por exemplo, a instalación de sinais luminosas, que cremos axudarían a alertar aos condutores da perigosidade neste tramo”, engade.