O programa Silleda Emprega incorpora a atención a persoas con discapacidade a través dun convenio con Cogami

Silleda, 21 de marzo de 2017.  O programa municipal Silleda Emprega incorporará aos seus servizos ás persoas con discapacidade que sexan demandantes de emprego. Esta iniciativa chega a través do acordo de colaboración coa Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami).

Así, a concelleira de Emprego, Ana Luisa González mantivo hoxe xunto coa técnica do departamento municipal un encontro con Mónica Luaña, de Cogami, no que se estableceron as bases para incorporar a este colectivo ao programa silledense.

Esta colaboración pasa, sobre todo, por ofertar un servizo de orientación laboral personalizado para as persoas que teñan algún tipo de discapacidade e que queiran incorporarse ao mercado laboral. “Aquelas persoas que teñan algúnha discapacidade, tanto física como intelectual, poden achegarse as oficinas do Concello de Silleda, dende onde se derivarán as demandas a Cogami.

O servizo de orientación laboral de Cogami encargarase despois de asesorar de xeito individualizado aos demandantes. A concelleira, que agradece a colaboración de Cogami, explica que a proposta está dirixida non só aos demandantes, senon tamén ás empresas ofertantes de emprego, xa que contan con vantaxes e bonificacións á hora de contratar a xente con algún tipo de discapacidade.

Con este asesoramento individualizado o programa Silleda Emprega, creado polo goberno municipal no ano 2011 para mediar entre a oferta e a demanda, continúa ofertando novos servizos.

Ana Luisa González agradece “unha vez máis a colaboración de Cogami para levar a cabo esta iniciativa” e resalta a labor desta entidade na “necesaria integración social e laboral das persoas con discapacidade”, engade.