O PXOM xa incorporou as alegacións aceptadas e as correcións dos informes sectoriais

Silleda, 9 de setembro de 2014. O alcalde de Silleda, Manuel Cuiña Fernández, mantivo hoxe unha reunión de traballo cos técnicos de Eptisa, empresa redactora do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) na que se analizou o estado do documento e os pasos e trámites que se farán nos vindeiros meses

 Logo de que en xaneiro rematara todo o proceso de revisión das 738 alegacións presentadas en total ao documento, o equipo redactor xa volcou sobre o planeamento os cambios das alegacións aceptadas.

Do mesmo xeito, tamén se incorporaron as correccións advertidas pola Dirección Xeral de Patrimonio no seu informe, o último dos recibidos sobre o planeamento silledense e o resto dos emitidos polos distintos organismos que informaron.

Agora será remitido a estas entidades coas correccións xa feitas e pasarase a o seguinte trámite: a realización da memoria ambiental, que tamén precisa o visto bo da Xunta. “Unha vez que sexa aceptado, o documento tería que volver ao Concello para realizar a aprobación provisional no Pleno”, explica o alcalde.

Do mesmo xeito, o equipo redactor do PXOM informou ao alcalde que as alegacións serán respostadas individualmente, informando da resolución das mesmas aos propietarios que as presentaron.

Convenios urbanísticos

Por outra banda, nas últimas semanas continuouse negociando con varios propietarios de Silleda e da Bandeira de cara á firma de convenios urbanísticos , que se agarda asinar nos vindeiros días.

Unha vez firmados, os convenios terán que aprobarse no Pleno, polo que se prevé incluílos na orde do día da sesión ordinaria do vindeiro día 25. A continuación someteránse a exposición pública.

O Plan Xeral de Silleda foi aprobado inicialmente pola Corporación o 18 de decembro de 2012 e a exposición ao público (que se prolongou durante dous meses)  iniciouse en xaneiro de 2013, con reunións informativas en todas as parroquias.

“Fíxose unha exposición exemplar”, apunta Cuíña, que resalta ademais que nas xuntanzas de voceiros dos últimos meses se foron analizando unha por unha todas as alegacións presentadas, vendo os motivos polos que se aceptan ou rexeitan os cambios propostos”, engade.

 “Agardamos que se poidan axilizar ao máximo todos os trámites xa que para o municipio de Silleda é vital poder contar canto antes co PXOM”, reiteira o alcalde.