Recollidos un total de 55 cans no primeiro ano de entrada en funcionamento do servizo provincial de recollida de animais abandonados

Silleda, 26 de abril de 2014.  O Servizo provincial de recollida  de animais comezou a funcionar hai hoxe un ano en Silleda, realizando diversas intervencións que remataron coa recollida de 55 cans, incluídos varios cachorros.

En total, neste primeiro ano de servizo a empresa que xestiona o mesmo recibiu un total de 41 avisos, dos que 30 remataron con recollida correcta. Houbo ademais outros 8 fallidos, pola ausencia do animal á chegada dos laceiros, ou a necesidade de valorar outros métodos de captura. Algúns dos animais recollidos xa foron ademais adoptados. Dende o goberno municipal, o alcalde, Manuel Cuíña, destaca que se trata “dun servizo beneficioso e que está a funcionar moi ben”. Así, as intervencións estanse a realizar no mesmo día en que se dan os avisos, aínda que coincidan en fin de semana ou xornada festiva.

O servizo foi solicitado na maioría dos casos por veciños e veciñas que deron os correspondentes avisos no Concello, por presenza de animais abandonados en diversos puntos do municipio silledense.

Para solicitar a recollida de cans abandonados, ou avisar de que están mortos nalgunha vía pública, os veciños/as deben de chamar ao Concello (986 580000) dende onde se da a respectiva comunicación ao servizo provincial.

O custe do servizo para os Concellos ascende a 0,40 céntimos por habitante. O acordo de sumarse ao convenio da Deputación, a o que se sumaron un total de 48 Concellos, adoptouse por unanimidade no pleno de setembro de 2012.

Ademais da recollida de animais, que son trasladados ao centro de acollida da Armenteira (Meis), o servizo contempla a retirada de animais domésticos mortos (cans e gatos) das vías públicas e estradas do municipio.

No caso de que sexa posible identificar ao propietarios dos animais, és terá un prazo de 10 días para proceder á súa, previo aboamento dos gastos que orixinou a súa custodia e mantemento. Se no dito prazo o dono do animal non o recolle, entenderase que está abandonado. Esto non eximirá ao dono do animal na responsabilidade en que puidera incorrer o seu abandono.

“Cremos que se trata dun  servizo moi interesante para os concellos pequenos, dada a problemática que supón o abandono de animais domésticos, ademais de supoñer en moitos casos un perigo de seguridade viaria”, engade Cuíña.

Durante este primeiro ano o servizo realizou unhas 2.000 intervencións en total (máis de 6 ao día) dando servizo a unha poboación de case 400.000 persoas que conforman os 48 municipios adheridos.