Remata o Obradoiro de Emprego Semente de Pedra 2016

Silleda, 30 de maio de 2017.  Hoxe celebrouse o acto de clausura do Obradoiro de Emprego Semente de Pedra 2016, no que participaron 20 alumnos/as-traballadores/as dende o pasado mes de novembro. O grupo, acompañado do equipo directivo, o alcalde, Manuel Cuiña, o xefe territorial de Economía e Industria, Ignacio Rial, e o concelleiros Klaus Brey,  Ana Luisa González, Pili Peón e Benito Saavedra.

O acto comezou coa visita aos dous enclaves onde se realizaron as actuacións do obradoiro: a intervención paisaxística na parcela onde comezará a construirse a residencia e centro de día a vindeira semana, e a mellora da contorna da praza da Igrexa, onde ademais de adecentar o calello da parte posterior do templo e colocar mobiliario se creou unha fonte ornamental na que están representadas as 33 parroquias de Silleda.

A continuación, nun acto celebrado no Salón de Plenos, procedeuse á entrega de diplomas ao alumnado.

Ignacio Rial felicitou ao Concello de Silleda “por compartir a nosa preocupación polo fomento do emprego e a formación”, así coma ao equipo docente, encabezado pola directora, María del Carmen Vidal, e ao alumnado. “Para vós ten que ser un orgullo que en dous dos sitios máis importantes da localidade polos que pasará moita xente está parte do voso traballo, un traballo ben feito”, sinalou o xefe territorial.

Rial amosou o seu desexo de esta acción formativa permita ao alumnado acceder a un emprego e animounos a apostar por fórmulas como unha cooperativa.

Pola súa banda o alcalde, Manuel Cuiña, lembrou que a través da obradoiro se fixeron dúas actuacións de calado, “cun traballo espléndido que nos enche de ilusión a todos o polo que nos felicitaron todos os veciños e veciñas de Silleda, que son os auténticos xefes das obras que se acometen dende o Concello”, engadiu.  Cuiña agradeceu o traballo do equipo directivo, profesores e en especial o dos 20 alumnos/as que nos últimos seis meses realizaron as dúas actuacións ademais de formarse nas especialidades de Colocación de Pedra Natural e Instalación e Mantemento de Xardíns e Zonas Verdes.