Retirada a grúa de obra da prolongación da rúa Pontevedra

Silleda, 11 de abril de 2014. Esta mañá comezaron os traballos de retirada dun guindastre de obra que levaba tempo parado xunto a un edificio na prolongación da rúa Pontevedra, en Silleda. O Concello de Silleda remitiu o pasado mes un escrito ao Xulgado do Mercantil Nº1 de Pontevedra solicitando que se realizaran as xestións oportunas para a retirada dun guindastre de obra situado na avenida do Parque, xunto a edificio de recente construcción. Meses atrás, o Concello xa se puxera en contacto coa empresa promotora da obra, que se atopa en procedemento concursal. Daquela a empresa informou que non podía proceder, ao formar parte o guindastre do inventario de bens do concurso.

Os presidentes das comunidades de veciños de dous edificios próximos amosaron a través de escritos dirixidos ao Concello a súa preocupación pola continuidade do aparello na zona, alertando da posible situación de inseguridade. Dende o goberno local retomáronse despois as xestións comunicando a problemática ao citado xulgado que respondeu dando traslado inmediato ao administrador concursal para a retirada do aparello. Esta comunicación xa lle foi trasladada ás comunidades de veciños que presentaron os escritos no Concello.

A instalación está a ser retirada pola empresa que adquireu finalmente esta instalación. “Dende o goberno municipal fixemos todo o que estivo nas nosas mans neste tema, e finalmente hoxe se procedeu á retirada da grúa, algo que viñamos agardando xa nas últimas semanas”, sinala o alcalde, Manuel Cuíña.