Silleda e Canéjan asinan o compromiso de irmandamento

Silleda, 4 de decembro de 2016. Os alcaldes de Silleda, e de Canéjan (Francia), Manuel Cuiña e Bernard Garrigou, asinaron hoxe o xuramento de irmandamento, un protocolo previo a sinatura do acordo co que se estreitarán as relación entre ambos municipios. Nun acto celebrado no salón de Plenos, ao que asitiron ademais de membros da Corporación representantes de asociación, colectivos culturais e vecinos e veciñas de Silleda e no que sonaron tanto o himno galego coma o francés, os dous rexedores rubricaron o compromiso de irmandamento entre ámbolos dous municipios.

O xuramento asinado hoxe indica que dacordo co principio de subsidiraridade, ámbalas dúas localidades se comprometen a manter lazos permanentes a fin de dialogar, intercambiar experiencias e poñer en práctica toda acción conxunta susceptible de enriquecerse mutuamente .

Outro dos obxectivos pasa por favorecer e apoiar os encontros entre a cidadanía das dúas localidades co fin de desenvolver, a través dunha mellor comprensión mutua e unha cooperación eficaz, o sentimiento da fraternidade europea ao servizo dun destino común.

Tamén se busca promover, por medio de intercambios, os valores universais da liberdade, a democracia, a igualdade e o Estado de Dereito.

Cuiña iniciou o seu discurso agradecendo a todo o pobo de Canéjan a hospitalidade que lle brindaron na súa visita á localidade francesa o pasado mes de setembro. “Este proceso que hoxe iniciamos ten como grande obxectivo o desenvolvemento, benestar e prosperidade dos nosos municipios”, indicou sinalando ademais que a nivel económico se abren novas posibilidades no caso de Silleda podendo optar a distintos proxectos europeos.

Cuiña, que lembrou ademais o compromiso do alcalde de Canéjan a participar na vindeira edición da Feira Semana Verde, en xuño, destacou así mesmo que “o que nos move a necesidade de coñecernos, relacionarnos e aprender mutuamente”, aludindo ademais ás “oportunidades de intercambios para os veciños e veciñas das dúas localidades, “para compartir os nosos valores”.

Cuiña agradeceu así mesmo a asistencia ao acto, ao igual que aos colectivos, entidades e empresas que dende o venres formaron parte da apretada axenda da delegación de Canéjan, na que figuraban ademais de Garrigou e membros do seu goberno, integrantes do Comité de Irmandamento da localidade, presidido por Danielle Antoniazzi.

Pola súa banda, Garrigou amosou a súa gratitude e satisfacción pola acollida brindada en Silleda destacando a “beleza e gran patrimonio do municipio”.

“En un momento en que Inglaterra eligió salír de la Unión Europea, en un momento en que tenemos problemas como el terrorismo  y la inmigración, debemos buscar un nuevo proyecto para Europa. No podemos contar sólo con los gobiernos. Necesitamos, con hermanamientos como este mostrar otras cosas, principalmente la paz y la libertad”, sinalou Bernard Garrigou no seu discurso.

O rexedor francés, que reiteirou as afinidades con Silleda, indicou que ademais do irmandamento propiamente dito se tentará desenvolver tamén o aspecto económico e a aposta polo desenvolvemento sostible. “Gracias a todos por lo hemos vivido con vosotros y lo que viviremos en el futuro”, remarcou.

Ao remate do acto os dous Concellos intercambiaron agasallos. Así, ademais de produtos típicos da gastronomía silledense, Cuiña, entregou a Canéjan imaxes de lugares emblemáticos de Silleda e outros materiais promocionais. Pola súa banda, o alcalde francés regalou o viño cultivado na explotación municipal de Canéjan, e entre outros  un cadro de Arcachón, a rexión costeiro cercana á localidade onde se ubican as dunas máis altas de Europa.

A delegación francesa, que hoxe iniciou camiño de regreso, visitou antes do acto no Concello a queixaría Cortes de Muar, en Negreiros, completando así a súa intensa axenda da fin de semana en Silleda. O irmandamento asinarase o vindeiro ano en Canéjan.