Silleda, 23 de decembro de 2013. O alcalde de Silleda convocou para o vindeiro xoves día 26 o pleno extraordinario no que se abordará a resolución de reclamacións e a aprobación definitiva, se procede, da ordenanza fiscal reguladora da taxa pola prestación do servizo de recollida e tratamento de lixo.
A sesión extraordinaria, convocada para as 12.00 horas, irá precedida dunha comisión informativa, que se celebrará ás 10.00 horas. En total presentaronse seis alegacións á ordenanza: por parte dos dous grupos da oposición (PP e BNG), que xa estaban anunciadas e outras 4 de particulares.
Neste senso, e segundo os informes técnicos emitidos, a proposta do goberno que se leva ao pleno pasa por estimar a alegación do PP, como xa se avanzara no pleno do mes pasado, para bonificar co 100% a cota dos beneficiarios do RISGA e familias que perciban idéntica ou inferior cantidade. Tamén se admite outra referida as casas de turismo rural, que xa veñen tributando como vivendas por un acordo plenario do ano 2006, e se desestiman as dos outros dous particulares. Das reclamacións presentadas por Ana Rosa Cornado, en representación do BNG só se acepta a bonificación a beneficiarios do RISGA. Segundo os informez a progresividade para as taxas non se pode aplicar polo Plan de Axuste.
O pasado mes de novembro, a nova taxa proposta para regular o servizo de recollida de lixo a partir do vindeiro ano 2014 foi aprobada inicialmente no pleno cos votos a favor do grupo de goberno e a abstención de PP e BNG. A taxa, que levaba sen actualizar dende o ano 1996, pasará no vindeiro ano 2014 de 30,05 euros ao ano para as vivendas a 72 euros anuais. Esta suba do, 139,6 por cento, aplicarase de xeito proporcional a establecementos comerciais, hosteleiros, talleres…
Na sesión todos os grupos recoñeceron que a taxa actual é insuficiente para cubrir os custes do servizo. Segundo os datos do estudio económico realizado polo servizo de Intervención, coa aplicación da nova taxa o padrón quedaría en 407.000 euros (na actualidade é de 170.629,71 euros). O custe do servizo, sen ter en conta a suba de Sogama situarase en 461.958 euros. A suba das taxas para o servizo, “enormemente deficitario”, segundo recolle o estudo económico elaborado polo Concello, era ademais un dos acordos do Plan de Axuste, aprobado por unanimidade no pleno de marzo de 2012.
“A situación é tremendamente crítica, porque estamos a falar dun dos servicios máis deficitarios con creces que ten este Concello, e estamos así pola irreponsabilidade e a deixadez total dos anteriores gobernos do Partido Popular”, engade o alcalde e concelleiro de Facenda, Manuel Cuíña. O rexedor advirte que, “de non aprobarse esta actualización das taxas verémonos avocados a tomar decisións moi duras e difíciles, que poderían chegar máis cedo que tarde”, sinala.