Silleda, 30 de decembro 2013. O Arquivo Provincial de Pontevedra xa devolveu en días pasados os documentos sobre protocolos notariais ao pazo de Sestelo, en Siador, logo de realizar as primeiras fases de traballo sobre esta valiosa documentación histórica.
Os 40 arquivadores foron devoltos ao seu propietario logo de máis dun mes de traballo por parte do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación provincial. Nestas primeiras fases, tal e como se avanzara realizouse unha base de datos, especificando os contidos de cada unha das unidades.
En total contabilízanse unhas 12.000 entradas, correspondentes a estes documentos antigos, que datan dos séculos XVI, XVII e XVIIInos que recollen negociacións da vida civil daquela época, cando o Concello de Silleda estaba ubicado en Chapa.
Con esta base de datos búscase facilitar o proceso de recollida de información dos sumarios en cada un dos libros de protocolos, e a partir de isto, elaborar un rexistro de cada documento, cos datos que ofrecen.
O traballo resultante xa foi posto a disposición tanto de Roberto Rivas Martínez, propietario da documentación, como ao do Concello de Silleda, de cara á dotación do Centro de Documentación Histórica que se busca crear.
O pasado mes de outubro varios técnicos do Arquivo Provincial de Pontevedra visitaron Silleda para ter unha primeira toma de contacto con estes documentos, que se atopan bo estado de conservación, tanto no tocante ao papel como da tinta.
O equipo técnico realizou despois un informe sobre o estado do material, papel e escritura para remitir á Presidencia da Deputación de Pontevedra, que determinará a conveniencia de dixitalizar estes documentos, tal e como se solicitou dende a Alcaldía.
Unha vez realizada esta fase, só quedaría pendente, de ser posible, a dixitalización dos documentos, unha última fase e máis complicada que pasaría tamén pola transcrición dos contidos.
Dende o goberno de Silleda, o alcalde, Manuel Cuíña agradece unha vez máis a xenerosidade de Rivas Martínez, “por poñer a disposición dos veciños e veciñas de Silleda estes datos sobre a nosa historia” e ao Arquivo Provincial, que realizou un intenso traballo “que agardamos poida continuar coa ansiada dixitalización destes valiosos documentos”, engade.