Silleda, 22 de marzo de 2014. O Concello de Silleda vén de remitir á Dirección Xeral de Conservación da Natureza unha nova solicitude reiterando a necesidade de adecentar e mellorar o sendeiro do Deza. Este roteiro, que discorre entre os dous emblemas turísticos do municipio silledense, o Mosteiro de Carboeiro e a Fervenza do Roxa, foi promovido e subvencionado no seu día pola Xunta de Galicia, coa correspondente homologación, unha das máis antigas da comunidade.
Xa o pasado verán, dende o goberno municipal se remitiu outra carta acompañada dun extenso informe sobre as deficiencias do roteiro, para solicitar a intervención da Administración Autonómica neste enclave, situado ademais nun Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) do Sistema Fluvial Ulla Deza, en plena Rede Natura, e que constitúe un dos puntos con maior afluenza de visitantes da comarca do Deza.
Dende a súa creación, hai xa máis dunha década, o sendeiro sufriu desperfectos e incidentes de todo tipo que afectaron á sinalización do mesmo, ou ás vallas de protección (que se atopan rotas e caídas), neste roteiro que inclue tamén territorio do veciño municipio de Vila de Cruces.
Pese a traballos puntuais de limpeza e mellora feitos dende os dous Concellos, solicítase a participación da Xunta para realizar unha posta a punto integral da ruta, algo que implica un maior esforzo, de cara a vindeira tempada estival.
“Dende que remitimos a última comunicación non volvimos a obter resposta da Xunta sobre este tema, e agora, ás portas dunha nova campaña estival, consideramos que é moi necesario acometer as reparacións que precisa o sendeiro”, sinala o alcalde, Manuel Cuíña,
No informe emitido hai varios meses figuraban como actuacións apremiantes a reparación dun tramo con socavóns producidos polo paso de vehículos e acumulación de auga; a colocación de nova sinalización e de paneis informativos; ou o saneamento e taponado de grandes baches na pista que da acceso aos miradoiros, ao chegar ao lugar de Quintá.
Así mesmo, solicítase o arranxo da escaleira que salva o desnivel entre a Fervenza e a Ponte de Ferro, a reposición de cancelas , ou a canalización de augas en varios puntos. Preocupa tamén a situación de inseguridade que presentan as vallas rotas, en moitos casos pola caída de árbores. Tamén se solicitan tarefas de desbroce e limpeza (retirando nalgún caso, xestas, polas e árbores caídas) en tramos como o acceso aos miradoiros, a área recreativa da Fervenza ou xunto á Ponte de Ferro.
Dende o goberno local agárdase que a Dirección Xeral de Conservación da Natureza poida dar resposta canto antes e acometer estas obras de mellora.
Petición ao Adif
Por outra banda, o acondicionamento do sendeiro do Deza é outra das intervencións solicitadas ao Administrador de Infraestructuras Ferroviarias (Adif), dentro das medidas compensatorias propostas pola construcción do Tren de Alta Velocidade para o LIC Sistema Fluvial Ulla Deza.
En maio do pasado ano o pleno aprobou unha moción do grupo de goberno que reiteraba a necesidade de retomar estas acción, nas que se incluía ademais de diversas melloras no sendeiro e o seu entorno, a construcción dunha fonte e creación dun biotopo para pequenos anfibios ou a eliminación de especies exóticas dentro das franxas de vexetación de ribeira asociadas aos cauces do LIC.
Logo de recibir por parte do Adif comunicación das propostas a realizar, dende o Concello procedeuse a realizar unha revisión dos traballos indicados comprobando que non todos están feitos.
Entre as accións acometidas como medidas compensatorias figuran só o pintado da ponte de ferro, o reforzó de vallas nalgúns puntos do sendeiro e o repintado de sinais.
Así as cousas, o Concello de Silleda remitiu a principios deste mes un informe ao Adif coas deficiencias observadas para solicitar que se retomen as actuacións.
“O sendeiro do Deza debe de considerarse dun xeito integral, contemplando accesos, sinalización ou miradores”, engade o alcalde.
Cen visitas semanais e preocupación pola Ponte do Demo
Da importancia deste roteiro dan conta as numerosas visitas que está a recibir por parte de visitantes e turistas. Dende o departamento de Turismo estímase que a media semanal de visitantes procedentes de Madrid, Barcelona ou Sevilla, ata a zona do sendeiro é de 100 persoas. “O lamentable é que se leven unha imaxe que a veces deixa que desexar, por iso dende o Concello solicitamos por distintas vías unha intervención urxente”, engade Cuíña.
No roteiro do Deza, ademais das actuacións puntuais propostas tamén hai outras que dan conta da apremiante situación na que se atopa o sendeiro intermunicipal. Así o mal estado da Ponte do Demo, unha das máis senlleiras e antigas sobre o Deza, segue a preocupar ao goberno local.
“Vimos reitando a falta de seguridade nesta ponte a distintos organismos, incluído Patrimonio, pero de momento seguimos tendo a calada por resposta”, sinala Cuíña, que espera que o progresivo deterioro neste paso “teña unha solución o máis pronto posible antes de ter que lamentar males maiores”.