Volve #SilledaFaiNadal con máis 3.000 euros en premios para gastar no comercio e hostalería local

A quinta edición do concurso contará novamente con dúas categorías: unha individual para decorar vivendas, balcóns, fachadas; e outra colectiva, na que se poderán elixir espazos públicos

O prazo de inscrición estará aberto ata o 29 de novembro

O sistema de votación volverá contar ca participación do público nas redes sociais, ademais da puntuación do xurado

 

 

 

O Concello de Silleda, a través das concellerías de Cultura e de Comercio, das áreas de Acción Social e Promoción Económica, volve convocar o concurso #SilledaFaiNadal  entre a veciñanza a fin de promover a creatividade e axudar, ao mesmo tempo, ao comercio e a hostalería local.

Esta proposta dun certame de decoración navideña, que acada xa a quinta  edición, busca a participación activa da veciñanza e colectivos para infundir un ambiente propio das datas de Nadal en distintos espazos. As bases do certame foron aprobadas xa en Xunta de Goberno Local (consultas aquí) e establecen un reparto de premios que será de 3.175 euros, igual que o pasado ano, cando se incrementou a partida en máis de mil euros.

O concurso está dirixido a todas as persoas que vivan no municipio de Silleda e establécense dúas categorías: individual (ca decoración de balcóns, galerías e fachadas, ou entradas de vivendas sempre que sexan visibles dende o exterior); e colectiva, para comunidades de veciños, asociacións, grupos…. Neste último caso deberá elixirse un emprazamento do que se informará previamente no momento de realizar a inscrición.

As persoas e grupos que desexen participar deben inscribirse no Rexistro Municipal, cun formulario específico de inscrición para este certame (descargas aquí). O prazo de inscrición abrirase este luns día 4 e continuará ata o venres 29 de novembro.

As decoracións serán visibles dende o exterior, e estar instaladas, como mínimo, dende o 15 de decembro de 2024 ata o 6 de xaneiro de 2025.

Admitiranse todo tipo de materiais para a construción da ornamentación e valoraranse especialmente a orixinalidade, deseño, uso de ornamentos feitos a man ou con material de refugallo, así como a interculturalidade dos decorados. No caso de contar con iluminación, tamén se puntuará que se realice con luminarias fotovoltaicas ou de tecnoloxía LED de baixo consumo.

Elección dos gañadores

Para a elección dos traballos gañadores, as bases volven recoller a figura do xurado e os votos do público a través das redes sociais. Así, ademais dun xurado formado por membros de colectivos que non participen no certame, o voto será ponderado (ao 50%) cos ‘me gusta’ recibidos por cada traballo na páxina oficial de Facebook do Concello de Silleda. Para iso, as persoas e colectivos participantes deberán de remitir fotografías (un máximo de 3) ao enderezo electrónico comunicacion@silleda.gal

As bases e o anexo de inscrición estarán dispoñibles na web municipal .En cada unha das categorías establécense 3 premios, todos eles para gastar nos comercios ou nos locais de  hostalería situados no municipio silledense. Na colectiva haberá un primeiro premio de 1.000 euros, un segundo de 700 e un terceiro de 500 euros. Na individual os premios serán respectivamente de 500, 300 e 175 euros. O xurado estará formado por integrantes de asociacións ou colectivos que non participen no concurso e por un representante do Concello, con voz pero sen voto, así como por un técnico municipal, que actuará como secretario/a.

A resolución do concurso comunicarase, de ser posible, ao longo do mes de xaneiro. Con este certame búscase reactivar a economía local ao tempo que se premia a creatividade e orixinalidade das creacións, neste caso ca decoración e motivos de Nadal como protagonistas.