O goberno municipal presentará este sábado nun acto participativo o proxecto da súa remodelación, para recoller opinións e melloras sobre o mesmo
Seguindo co seu compromiso de crear un cinto verde que percorra todas as rúas principais do casco urbano de Silleda, o goberno municipal presentará o vindeiro sábado dia 16, ás 13:00 horas, as propostas de intervención correspondentes a Avenida do Parque, Parque da Igrexa e Rúa Santa Olaia.
O acto celebrarase ao aire libre na Praza da Igrexa e será unha oportunidade para que a veciñanza coñeza os detalles da proposta, e que poidan dar a súa opinión sobre as actuacións deseñadas, para que poidan ser estudiadas polos técnicos e incorporadas, se procede, no documento final. Ademais deseñouse unha enquisa virtual para que poida ser cuberta pola cidadanía que non se poida achegar o sábado.
Esta proposta integral de actuación, cuxa redacción foi financiada a través do programa Ágora da Deputación de Pontevedra, recolle actuacións dende a Rúa Xeral ata a Rúa Chousa Nova, así como o entorno da igrexa na Rúa Santa Olaia, máis se presenta estruturado en dúas zonas de actuación ben delimitadas, debido a tipoloxía urbanística de cada unha delas.
O primeiro do proxectos supón a mellora de toda a praza da Igrexa, e será presentado ao Plan Extra da Deputación de Pontevedra, co obxectivo de obter unha subvención de 700.000 euros, aos que o Concello deberá engadir outros 150.000 euros de recursos propios.
O ámbito de actuación, que corresponde a zona de taxis e todo o entorno da praza da Igrexa, incluído o primeiro tramo da rúa Santa Olaia, é un espazo delimitado co templo como centro, que ten un formato de espazo público aberto e que ademais é a zona mais utilizada polos peóns.
O segundo dos proxectos, que se corresponde co resto da Avenida do Parque, que abrangue o tramo entre o seu cruce coa Rúa Santa Olaia, e a Rúa Chousa Nova, ten unha estrutura urbanística de rúa de servizos, moi diferenciada da zona da Praza, polo que terá un tratamento diferente, deseñándose igualmente en plataforma única, cunha estética similar á da Rúa Progreso.
Como o Plan extra da Deputación tan solo dá 30 días para presentar os proxectos que opten a esta axuda provincial, a redacción do proxecto da zona da Igrexa xa está moi avanzada, e cabe destacar que o goberno xa alcanzou un acordo co colectivo de taxistas para trasladar a súa parada á beirarrúa oposta, conseguindo así máis espazo para a creación dunha gran zona verde con bancos integrados e novos árbores de gran porte en substitución dos actuais, que presentan problemas de seguridade.
Ademais , no entorno da igrexa preténdense unha actuación que vai a ampliar o espazo de praza, o demolerse o peche do recinto eclesiástico na rúa Rúa Santa Olaia, creándose unha zona de chanzos tipo auditorio, unha obra para a que se ten que solicitar autorización do servizo de Patrimonio.
A veciñanza poderá expresar a súa opinión sobre os proxectos a través dunha enquisa dispoñible tanto no acto como en liña. A enquisa estrutúrase en tres bloques: coñecemento e percepción xeral sobre a mobilidade amable e segura, percepción sobre o proxecto e impacto esperado desta intervención. Esta información permitirá , non só pulsar a opinión sobre estes proxectos, senón tamén ter máis información para mellorar as súas planificacións urbanísticas.
Declaracións do PP sobre o destino do plan extra da Deputación
O goberno de Silleda lamenta o oportunismo e a manipulación do PP respecto a petición do plan extra da Deputación e o seu uso para a construción da piscina climatizada, xa que tanto por prazos como por importe resulta totalmente inviable.
Os proxectos deben presentarse en 30 dias, un período inasumible para calquera técnico, e o importe ao que se pode optar, 700.000 euros, resulta ridículo para unha infraestrutura deste tipo.
Ademais, o PP segue sen entender que o problema da piscina no é só ter recursos para a súa construción, senón tamén recursos suficientes para o seu funcionamento, xestión e mantemento para toda a súa vida útil
Acusan ao PP de mentir cando fala de inacción do executivo en relación a piscina, recordando que nos últimos anos se deron pasos importantes como a consecución do terreo necesario para a súa construción xunto ao recinto feiral, na zona deportiva-escolar de Silleda, así como dotacións como a Rede de Calor, que permitirá abaratar os custos de mantemento.
En todo caso, o goberno anuncia que se está traballando nunha solución viable para esta infraestrutura, e que nas vindeiras semanas presentaranse novidades sobre este proxecto.
E por elo, dende o goberno municipal invitase á cidadanía a asinar na recollida de firmas impulsada polo PP, porque servirá para avaliar o nivel de interese nesta infraestrutura, un dato que pode ser interesante para os traballos que se fan estes días de actualización do estudo de viabilidade elaborado en 2022, que quedou obsoleto debido aos incrementos nos prezos.