O Concello de Silleda recibiu hoxe un distintivo do Clúster da Biomasa de Galicia pola súa aposta polo uso desta enerxía renovable nos equipamentos municipais. O recoñecemento, enmarcado na campaña «Este edificio quéntase con biomasa», cofinanciada polo Instituto Enerxético de Galicia (INEGA), pon en valor a traxectoria do municipio na promoción deste sistema de calefacción, tanto a través da súa pioneira Rede de Calor como da súa implantación na rede de centros sociais municipais.
Silleda, único concello distinguido este ano, comparte esta distinción con entidades e institucións como a Universidade de Vigo, a Universidade de Santiago de Compostela, o campamento Espazo Natura, a Fundación San Rosendo, a Axencia Galega da Industria Forestal e o Grupo Gescan, tamén recoñecidos nesta iniciativa de promoción da biomasa como alternativa enerxética sostible.
O distintivo súmase a outros recoñecementos recibidos polo Concello, entre eles o Premio Galicia de Enerxía ao Mellor Proxecto de Enerxías Renovables, concedido en marzo de 2019 pola Asociación de Enxeñeiros Industriais de Galicia á Rede de Calor de Silleda, e a selección desta infraestrutura no programa estatal Proxectos Clima 2019, do Fondo de Carbono para unha Economía Sostible.
A alcaldesa, Paula Fernández, destacou que este novo recoñecemento «pon en valor unha aposta que Silleda iniciou hai anos e á que lle seguimos dando continuidade, levando a biomasa tamén aos centros sociais municipais e avanzando cara a un modelo enerxético máis eficiente e sostible».
Fernández quixo lembrar especialmente a visión de futuro do exalcalde Manuel Cuiña, baixo cuxo mandato se impulsou a Rede de Calor. «Manuel soubo ver hai anos que este era o camiño. Apostou por unha instalación pioneira, por unha enerxía limpa e de proximidade e, sobre todo, por un proxecto pensado para seguir medrando. O tempo demostrou que aquela decisión foi acertada», sinalou.
A Rede de Calor, a primeira destas características de carácter público-privado en Galicia, comezou a funcionar en 2018 e foi ampliando a súa cobertura, cun investimento acumulado na instalación próximo aos 1,02 millóns de euros.
Cunha potencia instalada dun megawatio, a rede subministra calefacción e auga quente sanitaria a distintos equipamentos públicos e privados, entre eles o pavillón César Fares, o campo de fútbol de Outeiriño, a piscina municipal, a Escola Infantil A Galiña Azul, a Residencia e Centro de Día de Maiores, o Hotel Vía Argentum e a actual sede do Concello de Silleda.
Estímase que o aforro económico asociado á rede pode acadar os 90.000 euros anuais, evitando ademais a emisión á atmosfera dunhas 350 toneladas de CO₂ cada ano.
A esta infraestrutura súmase a aposta municipal pola implantación de calefacción con biomasa nos centros sociais, estendendo o uso desta fonte renovable a equipamentos de proximidade que prestan servizo á veciñanza.
A visión de futuro coa que naceu a Rede de Calor tamén estivo ligada desde o principio a unha das demandas históricas de Silleda: a piscina climatizada. A central situouse nunha parcela municipal tendo en conta a posibilidade de construír este equipamento nas súas proximidades e aproveitar a calor da rede. De feito, Manuel Cuiña xa destacaba publicamente esta oportunidade en 2018. Unha previsión que cobra especial actualidade ao incluír o propio Clúster da Biomasa as piscinas entre as instalacións especialmente axeitadas para utilizar esta fonte de enerxía.
A alcaldesa lembrou que aquela previsión segue pendente de materializarse despois de que, no pleno do pasado 23 de outubro, o PP e o BNG votasen en contra de iniciar a tramitación do préstamo necesario para construír a piscina, malia contar o Concello cunha subvención autonómica de 500.000 euros.
«Hai anos que pensamos esta rede de calor para que tamén puidese dar servizo á piscina climatizada. Hoxe o propio sector recoñece que son instalacións especialmente axeitadas para aproveitar a biomasa. E cando este ano tivemos a oportunidade de avanzar na súa construción, con medio millón de euros de subvención, o PP e o BNG votaron en contra de iniciar a tramitación do financiamento. A rede de calor está aquí, funcionando e recibindo recoñecementos. A piscina, por culpa dos votos do PP e do BNG, segue esperando», sinalou Fernández.
A rexedora asegurou que este novo recoñecemento anima ao goberno municipal a continuar traballando e anunciou que seguirá avanzando na redacción dos pregos de contratación da piscina climatizada, co obxectivo de ter preparada a documentación e sometela a aprobación cando exista a oportunidade política para facelo.
«Silleda quere a piscina climatizada e este goberno seguirá traballando para conseguila, malia todas as pedras políticas que nos poñan no camiño», afirmou.
Finalmente, Fernández agradeceu ao Clúster da Biomasa de Galicia e ao INEGA esta distinción, que recoñece unha aposta municipal sostida no tempo.
«Este recoñecemento é un orgullo para Silleda e un estímulo para seguir avanzando. Apostar polas enerxías renovables non é só falar de sustentabilidade, é levala aos edificios públicos, aos centros sociais e aos servizos que utiliza a veciñanza. E ese é o camiño no que queremos seguir traballando», concluíu.
