Silleda, 5 de outubro de 2015. Os vindeiros venres 16 e sábado 17 celébrase o IV Roteiro Arqueolóxico Xulio Rivas na parroquia de Oleiros. A Asociación de Veciños San Miguel de Oleiros en colaboración co Concello de Silleda organiza esta nova edición da cita, que naceu para a posta en valor dunha das áreas arqueolóxicas máis peculiares de Galicia, na que se concentran –ademais de tres castros, o de Montaz, o das Orelas e o da Casanova- unha ducia de petroglifos e dúas mámoas.
Trátase dunha área única en Galicia pola elevada concentración de elementos patrimoniais nunha zona tan reducida, e polo valor paisaxístico e medioambiental.
Como novidade, nesta cuarta edición da cita, xa consolidada e cun grande éxito de participación, haberá na xornada previa unha visita noctura guiada aos petroglifos da Penalonga. Será o venres 16 pola noite, con saída ás 23.00 horas dende O Carballo. Os asistentes deberán de levar roupa de abrigo, calzado axeitado e tamén linternas.
Esta sesión nocturna tamén ofrecerá aos amantes da fotografía unha oportunidade para captar imaxes dos petroglifos. Estará guiada ao igual que o roteiro do sábado polo arqueólogo Israel Picón, de A Citania Arqueoloxía.
Xa o sábado 17 volta o Roteiro Arqueolóxico duns 5 kilómetros, partirá ás 09.30 horas dende a Parrillada O Carballo.
Está previsto visitar a Pena das Cazolas, na parroquia veciña de Laro, o petroglifo de Chao dos Petos e o Castro Montaz, en Oleiros e tamén o petróglifo de Pena Longa, xa en Cortegada.
Ao remate, igual que en anos anteriores os asistentes que o desexen poderán xantar na parrillada O Carballo, con un menú opcional por 10 euros. As reservas poden facerse ata o xoves día 15 chamando ao 986 581528.
O roteiro arqueolóxico de Oleiros leva dende o pasada ano o ome de Xulio Rivas gran valedor desta zona, amante da natureza e da arqueoloxía ao que se lle debe o descubrimento de monumentos coma a mámoa da Porta do Carro.
A asociación quixo rendir así homenaxe póstuma a este veciño de Silleda, falecido en 2013.
Nas tres primeiras edicións este roteiro arqueolóxico congregou a un bo número de persoas que coñecían grazas a esta iniciativa estas paraxes e os xacementos arqueolóxicos que albergan. O roteiro destaca tamén polo seu valor paisaxístico. Dende a organización recomendase acudir con roupa cómoda e calzado axeitado para camiñar por zonas de monte.
Tanto a visita noctura do venres coma o roteiro do sábado quedan igualmente supeditadas ás condicións meteorolóxicas.