Obradoiro de Arqueoloxía para escolares de Silleda

-A Concellería de Educación programa unha actividade para a vindeira semana na que participarán máis de 400 alumnos dos distintos colexios de Silleda

-O obradoiro descubriralles ós nenos as tarefas dos arqueólogos e axudará a desmitificar as lendas urbanas que os acompañan

Silleda, 11 de abril de 2016.  A Concellería de Educación do Concello de Silleda ven de presentar o obradoiro “Arqueocampo”. Unha actividade, idea do Consello Superior de Investigacións Científicas, dirixida a alumnos de primaria e de 1º e 2º de secundaria, coa que se pretende achegar o traballo científico aos nenos e nenas coa finalidade de que coñezan as tarefas dos arqueólogos e desmitifiquen as ideas de personaxes coma Indiana Jones.

O obradoiro, que se celebra por primeira vez na comarca do deza, terá lugar na semana do 18 ao 22 de abril no pavillón 6 da Feira Internacional de Galicia, e nel participarán máis de 400 alumnos de tódolos centros educativos do concello repartidos en 14 quendas de aproximadamente 30 nenos por quenda, con dous monitores.

Os colexios recibirán anteriormente á actividade unha unidade didáctica para a preparación e o traballo sobre a mesma.

A actividade prepararase en 2 caixóns de 4×4 onde se fará unha simulación reproducindo tódalas capas da terra dende a herba da superficie ata o substrato onde se atoparán soterrados os restos dunha cabana, así coma enseres e materiais varios propios da idade do ferro que é a que se representará.

Unha vez feita a escavación tal e como a faría un verdadeiro arqueólogo, os rapaces terán que recoller os restos e tamén mostras de sementes que atoparán, fotografalas, tratalas, analizalas e proceder o seu arquivo.

Cada unha das pezas atopadas darán lugar a varias deducións que irán levando ós participantes a coñecer e valorar o patrimonio tanto físico coma inmaterial por medio de contos e lendas.

“Pareceunos unha idea moi interesante, porque en Silleda estamos rodeados de castros”, comenta a concelleira Pili Péon. “Os nenos aprenderán a riqueza que conservan os nosos montes, e iso é algo extraordinario”, engade.

O alcalde, Manuel Cuíña, tamén quixo incidir na importancia de concienciar aos nenos do seu patrimonio e valorou que despois do aprendido poidan ser capaces de explicarlles ós seus maiores por qué hai que tomar precaucións para a conservación do mesmo.

Pola súa parte, Xesús Borrajeros,  de Tesouros Novos, a empresa que porá en práctica o obradoiro, destacou que “ésta é unha actividade capaz de cambiar vocacións”.