-Esta actuación responde a unha vella demanda dos veciños da parroquia e arredores
Silleda, 7 de xullo de 2016. O Concello de Silleda vén de firmar un convenio co Bispado de Lugo que permitirá o arranxo da capela de San Sebastián, situada no alto do mesmo nome, na parroquia de Moalde.
Trátase dunha vella demanda dos veciños tanto de dita parroquia, coma das limítrofes, debido ao avanzado estado de deterioro que presenta actualmente o enclave, que ademais está desvirtuado esteticamente respecto ao seu estado orixinal.
A capela está situada no cumio do Alto de Xindiríz, a preto de 700 metros de altitude, un entorno con grandes vistas sobre os vales que o rodean. Dedicada a San Sebastián, ten planta rectangular e conta cun soportal de acceso na entrada principal. A cuberta, que orixinariamente era de madeira, foi substituída por pranchas de formigón armado, nunha das pouco acertadas intervencións.
Para a actuación que se pretende facer, é necesario ter a plena dispoñibilidade sobre o inmoble, propiedade do Bispado, e para iso, esta mañá o Alcalde de Silleda, Manuel Cuíña, e o párroco José Pérez Barreiro, na representación que ostenta, firmaron un convenio de colaboración entre ambas partes, co fin de poder executar a obra.
O plan de rehabilitación da capela, consiste na substitución da cuberta de formigón armado por cubertas de estrutura de madeira, sobre as que se colocará tella cerámica curva como remate exterior, colocando unha lámina impermeable e traspirable entre o armazón de madeira e a tella para evitar o deterioro. Cabe destacar o mal estado do tellado actual, que mesmo presenta perigo de derrubo en algunhas zonas.
Os traballos completaranse coa retirada do morteiro aplicado nas fachadas e no interior, recuperando así a pedra, que se limpará e se encintará de novo.
O orzamento total do proxecto ascende a pouco máis de 23.000 euros, ive incluído. Para sufragar dito custe, o Bispado de Lugo comprometeuse a aportar a cantidade de 4.000 euros, sendo o Concello de Silleda o que aporte o resto da cantidade, así coma o que licite as obras.
A entidade municipal agarda poder contratar as obras o antes posible, xa que a intención e que estas estean rematadas antes do 24 de agosto, día no que se celebra a romaría popular na capela.
“Con esta iniciativa pretendese conservar a tipoloxía orixinal da construción”, destaca Cuíña, que lembra que esta actuación xa figuraba no anterior programa electoral e se volveu a incluír no de esta lexislatura.
O goberno municipal non descarta acometer no futuro outras actuacións na zona, coma a construción dun miradoiro, para poder aproveitar as grandes vistas sobre os vales lindeiros.