Silleda, 11 de outubro de 2016. A sala de exposicións do mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro acolle dende esta fin de semana unha mostra de Dosinda Alonso Pájaro, que poderá visitarse durante dous meses. Afincada dende hai anos na localidade da Bandeira, é a primeira vez que Dosinda Alonso expón na súa localidade natal, logo de ter participado en diversas mostras tanto individuais como colectivas.
A mostra está composta por 27 obras, 7 de gran formato e outras 20 pequenas, de temática variada, prevalecendo as adicadas ás figuras femininas.
Dosinda Alonso estudou Maxisterio en Santiago, donde foi alumna do profesor Francisco López Carballo. Adicada ao ensino, sempre tivo ansia polas manualidades e a pintura, asistindo a diversos cursos e clases.
As súas obras son propias e orixinais, centradas principalmente na figura e na creatividade, cunha visión moi persoal. Figuras incompletas ou escondidas que deixan traballar á imaxinación figuran na obra desta artista cunha obra que destaca tamén pola variedade de cores que emprega.
Alonso comezou a expoñer no ano 1999 e dende entón ten participado en diversas mostras. Así, expuxo en Bandeira, Silleda, Vigo, Lalín, Pontevedra, Santiago.. Entras as últimas mostras colectivas figuran as de Ensenada en Vigo (2011), Emporcarte de Lalín (2013), no Aragüaney de Santiago, Café Moderno de Pontevedra, en A Estrada e máis recentemente en Dezarte, no Centro Cultural Vista Alegre da Bandeira.
Con esta mostra, o Concello de Silleda segue a apostar por poñer en valor a obra de artistas locais. As obras de Dosinda Alonso estarán durante os dous vindeiros meses en Carboeiro.
Exposición magna o vindeiro ano
Alonso, que afronta con gran ilusión expoñer no seu Carboeiro natal, traerá ao mosteiro de Carboeiro o vindeiro ano, a partir de xuño, unha mostra magna das súas obras, con cadros de gran formato e mesmo obras inéditas. Esta iniciativa levarase a cabo no verán cando mellore o tempo e as condicións lumínicas.
Remate de A Rapa das Bestas
A mostra de Dosinda Alonso ven a tomar o relevo da mostra “A Rapa das Bestas”, o relato en fotografías de José López, “Jolope” que estivo exposta ao público en Carboeiro dende o pasado 7 de xullo. A mostra, que recollía imaxes das rapas de Sabucedo, Amil e Candaoso foron vistas por máis de 6.000 persoas que visitaron o mosteiro silledense nos últimos tres meses. A mostra de Jolope, natural de Touro (A Coruña) trasladarase agora ata Vite (Compostela).