Silleda, 25 de outubro de 2016. O Concello de Silleda vén de acotar unha zona no exterior do mosteiro románico de Carboeiro, preto da entrada ao recinto (fronte ao claustro) impedindo o paso de persoas e vehículos ante o perigo de derrube do muro de contención.
Operarios municipais iniciaron xa os traballos de colocación das vallas de madeira, logo de que dende a Alcaldía, á vista do mal estado do muro de pedra exterior se encargara un informe á Policia Local para protexer este espazo e vistas tamén as advertencias dos técnicos de Patrimonio sobre o estado deste muro.
“Para previr calquera incidencia e á espera de que Patrimonio tome cartas no asunto, logo de varias reiteracións, optamos por sinalizar a zona situada na parte superior do muro, prohibindo o acceso”, explica o alcalde, Manuel Cuiña.
O muro exterior, cunha altura de 4 metros, presenta un derrube parcial importante motivado polas escorrentías de auga e a presenza de raíces arbóreas que foron cuarteando a súa estrutura. Para evitar que se poidan producir situacións de perigo e que se agrave o derrube existente, acotouse o acceso a esta zona onde tamén está previsto colocar carteis de advertencia en varios idiomas.
En setembro do pasado ano técnicos da Subdirección Xeral de Conservación e Restauración de Bens Culturais deprazáronse ata o mosteiro de Carboeiro para avaliar o seu estado de conservación, a petición do Concello de Silleda ao observarse unha serie de deficiencias.
O derrube parcial do muro , pola parte de abaixo do edificio monacal continúa sendo unha das cuestións que máis preocupan. De feito, xa no citado informe se fai referencia ao delicado estado do muro, que linda coa fachada oeste, cun socavón que non se aprecia dende o recinto. Tamén neste informe se recomendaba xa sinalizar e limitar o paso na zona.
Dende o Concello de Silleda agárdase que a Consellería de Cultura, á que se lle remitiron distintos escritos, tome parte canto antes na necesaria conservación de Carboeiro –declarado Ben de Interese Cultural en 1931- e do seu entorno, un enclave que cada ano visitan milleiros de persoas.