Silleda, 20 de xaneiro de 2017. A orde do día do vindeiro Pleno ordinario do xoves 26 incluirá a actualización das tarifas da ordenanza que regula o acceso e visitas ao mosteiro de Carboeiro.
Esta medida chega para financiar os gastos de apertura e mantemento mínimos deste cenobio románico, declarado como BIC no ano 1931.
A ordenanza, que entrou en vigor a principios de 2012, establecera cos cambios propostos unha tarifa de entrada de 1,50 euros (en lugar de 1 euros, como ata o de agora). Os prezos das visitas guiadas e visitas didácticas tamén se incrementan en 0,50 céntimos pola modificación do prezo de entrada.
A tarifa reducida pasa de 0,70 a 1 euros. Esta aplícase a maiores de 65 anos; nenos de 6 a 16 anos; mozos maiores de 16 con carné xoven, carné de estudante, familias numerosas que o acrediten e tamén grupos dun mínimo de 10 persoas, así comas aqueles que se atopen en situación de desemprego.
Así mesmo, a partir de agora tamén contarán con este desconto, grazas ao cambio proposto, as persoas con algún tipo de discapacidade. Do mesmo xeito, crease unha tarifa especial para estudantes e centros educativos, cun prezo de 0,50 euros por alumno/a.
A entrada continuará sendo gratuita para os menores de 6 anos ou os membros do Instituto de Conservación Museística e do mesmo xeito o mosteiro terá xornada de portas abertas con entrada libre os días de Galicia (25 de xullo); o día Internacional dos Museos (18 de maio) e o 10 de agosto (Festa de San Lourenzo).
Dende o goberno municipal, a concelleira de Turismo, Ana Luisa González, advírte que esta modificación, cunha lixeira subida, propónse para sufragar os “gastos mínimos” que implica a apertura do edificio monacal e o seu mantemento.
Gratis para os silledenses
Dende o goberno municipal tamén se proporá establecer a entrada gratuita para os veciños e veciñas de Silleda, cuestión que non se pode incluir na ordenanza pero á que se lle dará outro encaixe formal.
O alcalde, Manuel Cuiña, lembra que o Concello “é a día de hoxe a única Administración que está asumindo o mantemento de Carboeiro” e reitera a necesidade de que a Xunta de Galicia “actúe con celeridade como xa lle fixemos ver nos últimos meses en reiteradas peticións para subsanar as deficiencias deste edificio, declarado como BIC, e o seu entorno”