Silleda, 23 de xaneiro de 2017. O Centro de Desenvolvemento Agrario de Silleda organiza o vindeiro mes de febreiro novas actividades. Así, o mércores día 8 de febreiro terá lugar unha nova expedición organizada dende a entidade. O destino será nesta ocasión a provincia de Ourense coa producción de aceite de oliva a e avicultura como protagonistas.
Así, a excursión visitará en San Cibrao das Viñas unha prantación de olivos e a fábrica de aceites Abril. A continuación a expedición visitará en Santa Cruz de Arrabaldo a planta de cooxeneración de Coren, cunha das tecnoloxías máis avanzadas de España. Nesta planta de biomasa gandeira xerase, cos residuos das explotacións avícolas, suministro enerxético capaz de cubrir as necesidades de milleiros de vivendas.
A expedición é gratuita e as persoas interesadas, ao igual que nas anteriores excursións do Centro Agrario, só terán que abonar o xantar. A saída será ás 10:00 horas, diante do Concello.
Para participar é preciso anotarse no Concello ou chamando ao 986 580000. Esta saída súmase ás realizadas en setembro do pasado ano a Chantada para coñecer a explotación de sidra, ou a que tivo lugar a Xenética Fontao e á plantación de castaños.
“Con esta iniciativa queremos que os nosos veciños e veciñas coñezan de primeira man iniciativas que poidan resultar de interese”, indica o concelleiro de Medio Rural, Jesús Taboada, indicando que xa hai veciños do municipio interesados en plantar olivos.
“Tamén nos parece moi interesante dar a coñecer iniciativas como esta de biomasa con residuos agrícolas”, engade.
Cuarta xornada de formación
Completará a programación do Centro Agrario silledense unha nova xornada formativa, que se celebrará o venres día 10 na Casa da Cultura de Silleda. Está será a cuarta iniciativa deste tipo e terá como protagonista a comercialización de produtos agrarios.
A sesión, aberta a todo o público interesados, comeza ás 16:00 horas coa benvida do alcalde, Manuel Cuiña e a presentación da xornada a cargo do profesor universitario Francisco Ferreiro, de Quorum, que xa moderou outras xornadas.
O turno de intervencións comezará con José Manuel Suárez, directivo da Asociación Galega de Márketing e consultor asociado de Iuni Consulting, que falará sobre Márketing Estratéxico.
A seguinte intervención correrá a cargo de Higinio Mougán, xerente da Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA) que falará sobre a comercialización dos produtos galegos. Pechará os relatorios Jorge Blanco Ballón, falando da experiencia na comercialización de produtos agrarios da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.
Dende o Centro Agrario, que xa organizou dende o pasado mes de abril xornadas para dar a coñecer novas oportunidades de cultivos, iniciativas de emprendemento no agro ou as vantaxes da agricultura ecolóxica, apóstase agora pola comercialización, “unha das partes máis complicadas do proceso e que pode ser de grande interese tanto para os voluntarios que están a colaborar co noso proxecto como a xente que queira emprender no mundo agrario”, indica o alcalde, Manuel Cuiña.