Silleda, 12 de agosto de 2017. O Concello de Silleda ten en marcha un proxecto para o arranxo do edificio da antiga escola unitaria da parroquia de Cira. A actuación levarase a cabo a través dunha liña de subvención da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, dependente da Consellería de Economía, Emprego e Industria, para promover o emprendemento comercial no ámbito rural.
O investimento previsto é de 99.872, 53 euros, contando para elo cunha subvención do referido organismo por valor de 69.910, 70 euros. Trataríase de adecuar este edificio, onde se ubicaba a antigua unitaria, para convertilo nun espazo comercial.
“A través desta iniciativa conseguiremos poñer en valor este edificio, que na actualidade se atopa en moi mal estado creando ao mesmo tempo espazos comerciais que poñeremos a disposición do público”, sinala o alcalde, Manuel Cuiña.
Con esta iniciativa dende o Concello de Silleda búscase tamén dinamizar a actividade comercial no rural, promovendo a venta de produtos locais. “Consideramos que é unha iniciativa que pode resultar moi beneficiosa dende distintos puntos de vista, xa que ademais de arranxar o edificio podemos contribuir á creación de emprego apostando pola dinamización no noso rural”, sinala Cuiña.
O proxecto consiste na realización de arranxos e creación de dous espazos comerciais na planta baixa do edificio, con senllos aseos adaptados.
A parroquia de Cira, a máis septentrional do territorio silledense acolleu nos últimos anos un proxecto de dinamización turística, no que ademais de acondicionzar a área de baño da localidade, no lugar coñecido como Xunta dos Ríos (onde conflúen o Ulla e o Deza), se colocaron distintos paneis informativos buscando a posta en valor de elementos históricos, patrimoniais ou culturais representantivos da paisaxe agraria tradicional.
Entre as características da parroquia de Cira destacan o seu clima benigno, moi apto para cultivos hortofrutícolas de gran calidade, como xudía, tomate, pementos, leitugas, etc; a abundancia de invernadoiros dedicados a cultivo de flor de gran calidade; ou a existencia de destacadas explotacións de mazá. Esta parroquia silledense, que alberga ademais coutos de pesca de salmón, está incluída na Denominación de Orixe Rias Baixas con produción de Alvariño. Como elementos do seu patrimonio histórico artísticos destacan o antiguo castelo, fundado no S. XII por Bernardo Xoan de Deza e posteriormente feudo da Raiña Dona Urraca e o Conde de Altamira; o pazo de Paizás, igrexas e as casas solaregas.