Silleda, 2 de maio de 2018. O Concello de Silleda proxecta mellorar a senda botánica de Carboeiro, que se creou no ano 2015 , así como distintos elementos etnográficos e patrimoniais situados no entorno do mosteiro románico. Plantéxase a reposición das placas informativas da senda e das varandas de madeira, e a restauración do edificio do muiño.
Esta iniciativa foi presentada á subvenicón para a rehabilitación e sinalización do patrimonio histórico-cultural, da Deputación de Pontevedra. O orzamento dos traballos sitúase en 7.199 euros.
“Con esta proposta buscamos continuar coa posta en valor do noso patrimonio, neste caso no entorno do mosteiro de Carboeiro, que visitan cada ano milleiros de persoas”, indica a concelleira de Cultura e Turismo, Ana Luisa González.
A senda botánica creouse coa colocación de paneis sobre 22 especies arbóreas e de flora autóctonas de Carboeiro, creando un percorrido que inclue tamén construcción coma o pombal, e o muiño do convento. A iniciativa veu a complementar a oferta para os máis de 20.000 visitantes deste enclave, á beira do río Deza e cun alto valor paisaxistico.
O proxecto busca substituir os paneis informativos da senda por outros de maior resistenica (ao estar as actuáis danadas ou borrosas polo paso do tempo), e a colocación de valados de protección nas proximidades do río, que desapareceron polos efectos das enchentas.
Tamén se inclue a recuperación do edificio do muiño, coa limpeza interior e exterior do inmoble, o arranxo do tellado e a colocación dun panel informativo sobre as súas características.
Os contidos informativos das placas metálicas incluirán datos en galego, castelán e inglés.
Roteiro Circular
A senda botánica executouse a través do proxecto Auga e Pedra, para a mellora do entorno e sinalización tanto do mosteiro como da Fervenza do Toxa, na parroquia silledense de Pazos.
A diversidade de especies no entorno do mosteiro, á beira do río Deza, permitiu a creación desta senda, para disfrutar deste paraxe natural e coñecer as especies a través do seu uso ao longo da historia do mosteiro.
Trátase dun vieiro circular que comeza na parte posterior do mosteiro, moi preto do pombal, continuando polo muiño e rematando de novo xunto ao edificio monacal.
A senda percorre lugares nos que se atopan ata 22 especies de vexetación e flora. Así, figuran o Cerquiño (Melojo); Espiño (Majuelo); Carballo; Érbedo (Madroño); Hedra; Xilbarbeira (Rusco); Escambrón (Endrino); Salgueiro (Sauce); Ameneiro (Aliso); Uz Branca (Brezo blanco); Pereira silvestre; Xesta (Retama); Toxo; o Fento Real; Castiñeiro; Loureiro; Sobreira; Abeleira; Dentabrún (Helecho Macho); Pradairo, Sabugueiro e a Estruga.
Todos estes exemplares intégranse nas fragas e bosques autóctonos que rodean o mosteiro de Carboeiro, formando distintos nievis do estrato arbóre o.Destaca entre elas a Xilbarbeira, unha especie única en perigo de extinción que se atopa tamén xunto á Fervenza do Toxa.