Silleda, 18 de decembro de 2012. Os dous grupos de goberno de Silleda, PSOE e BNG, aprobaron hoxe inicialmente o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), un documento a doce anos vista que marcará o futuro do municipio. A sesión extrardinaria, na que o grupo municipal do PP votou en contra, foi calificada polos membros do executivo como unha cita “histórica”, que marcará un antes e un despois na política urbanística de Silleda.
A alcaldesa e responsable municipal de Urbanismo, Paula Fernández Pena, resumiu as liñas xerais do PXOM, que ten como obxectivos básicos frear a dispersión edificatoria e fomentar a consolidación e mellora das áreas edificadas, así como completar e mellorar a estrutura territorial, preservar os valores naturais e culturais que aínda subsisten, conservar os núcleos rurais de poboación, conservar e recuperar o patrimonio construído e completar as estruturas urbanas. Paula Fernández reiterou que é un “documento vivo” que se irá “mellorando coas aportacións que nos fagan os veciños e veciñas durante a exposición pública”, dixo engadindo que o documento se fixo con “cautela e prudencia”.
O documento abrirase a cidadanía de xeito “inmediato”, sen agardar á publicación do acordo tomado hoxe no BOP. Ademais, a alcaldesa insistiu en que se dará a “maior difusión posible ao documento, para que ningúen quede sin velo nin poder alegar”.
Calendario de visitas
Nos vindeiros días establecerase tamén un calendario de visitas para amosar o documento no rural, con xuntanzas ás que asistirá tamén personal técnico que axudará á cidadanía a realizar as súas reclamacións.
Unha vez publicado o acordo no BOP entrará en vigor a suspensión de licenzas, que non afectará ao polígono Área 33 nin ás peticións para ampliar explotacións agrarias, dacordo coa Disposición Décimo Primeira da LOUGA.
O PXOM aprobado hoxe incorpora as correccións feitas pola Xunta no seu informe previo. No hourizonte de 2026 prevese que Silleda teña unha poboación de 10.018 habitantes. En canto ao número de vivendas, nos cascos urbáns, en Silleda pasaríase das 1.148 actuais a 2.084 (cun aumento de 936) e no caso da Bandeira das 440 actuais a 503, cun incremento de 63 vivendas.
En canto ás zonas verdes o planeamento supera o mínimo estabrecido, cun total de 302.555 metros cadrados de solo, unha ratio de 20,28 metros cadrados de espazos verdes por cada 100 metros cadrados construídos.
Respecto ás zonas industriais, resérvanse máis de 900.000 metros cadrados para ampliar Área 33, nunha zona situada entre a N-525 e a AP-53, o que conectaría o parque industrial con dúas vías de alta capacidade. Tendo en conta as apreciacións da Xunta só se mantén o micropolígono de Chapa, regularizando só as naves existentes.
Reducción de alturas
As alturas máximas dos edificios nos cascos urbanos tamén se rebaixan de 5 a 4 alturas (baixo e 3 vivendas) redundando esta rebaixa nunha mellora estética das rúas.
Os principais cambios respecto ás incorporacións feitas segundo o informe autonómico pasan pola eliminación de todas as bolsas de solo edificable en Silleda, deixando á iniciativa de propietarios e empresarios a posibilidade de desenvolvelas nun futuro. No caso da Bandeira, a zona comprendida entre a salida da vila e a parroquia de Chapa pasa de ser zona de edificación aberta a contemplar vivendas unifamiliares.
En canto aos núcleos rurais, aparecen delimitados os núcleos tradicionais e tamén se deixa ás suxerencias veciñais a posibilidade de amplialos.
En Silleda tamén se contempla unha zona de equipamento deportivo entre a parte traseira do Ceip de Silleda e o recinto Semana Verde.
“Este documento marcará un antes e un despois en Silleda”, remarcou a alcaldesa incidindo en que agora o PXOM se abre aos cidadáns “para melloralo”.
Dende o PP, o seu voceiro, José Luis Espiño, anunciou o “non” do seu grupo ao PXOM sinalando que se fixo “dende un despacho” e acusando ao goberno de facer “un plan para favorecer a xente afin”. O voceiro popular detívose en casos concretos, mentres dende o goberno se lle reprochou non ter “unha visión global e clara” do documento.
Tanto Paula Fernández coma o voceiro do BNG, Matías Rodríguez Da Torre reprocharon ao PP non ter feita “ningunha aportación” dende que se presentou o documento, así coma ter amosado o documento aos veciños sen incorporar as correccións feitas pola Xunta.
“É un día histórico pero algún non o recoñece así. Fai moitos anos que estamos destruíndo as nosas vilas. O PXOM non vai desertizar o rural, como di o PP, senon o contrario, permitirá asentar poboación”, dixo Da Torre, que anunciou que o BNG presentará alegacións para mellorar algúns aspectos.
Logo da exposición pública, deberán de resolverse todas as alegacións e incorporar as que sexan aceptadas. O documento volverá a pleno para a aprobación provisional, antes de pasar o visto bo definitivo, último trámite e que corresponde á Administración Autonómica.