Silleda, 16 de xaneiro de 2013. O Diario Oficial de Galicia (DOG) recolle hoxe o anuncio da aprobación inicial do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Silleda, que tivo lugar o pasado 18 de decembro nun pleno extraordinario. Con esta publicación, a última que restaba, comeza a contar a partir de mañá día 17 de xaneiro o prazo oficial de exposición pública do Plan Xeral. Terá unha duración de dous meses, a máxima permitida, co que o periodo de exposición se prolongará ata o vindeiro 17 de marzo.
Tamén con esta entrada en vigor da aprobación inicial do planeamento, a partir de mañá farase efectiva a preceptiva suspensión de licenzas de obra maior que é preceptiva naquelas zonas onde varíe a catalogación do solo. Cómpre reseñar que queda excluído da suspensión o parque empresarial Área 33, que se rixe polo seu propio plan parcial, así coma os permisos para ampliar explotacións agrarias no rural, de acordo coa disposición transitoria décimo primeira da Lei de Ordenación Urbanística e de Protección do Medio Rural de Galicia (LOUGA).
Así mesmo, logo desta última publicación, o documento tamén será remitido aos organismos sectoriais para os preceptivos informes. Segundo figura no acordo plenario do 18 de decembro o PXOM remitirase a departamentos da Consellería de Medio Ambiente Territorio e Infraestructuras, á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural; á Consellería de Medio Rural, Consellería de Economía e Industria, á Deputación de Pontevedra; aos Concellos limítrofes (Lalín, Vila de Cruces, A Estrada, Forcarei e Boqueixón).
O Boletín Oficial da Provincia (BOP) de Pontevedra tamén recolle hoxe outra publicación sobre o PXOM de Silleda. Trátase simplemente dunha corrección de erros sobre un parágrafo do anuncio, que fora publicado o pasado 7 de xaneiro.
Nas vindeiras horas o documento tamén se colgará na páxina web municipal (www.silleda.es) nun banner destacado no inicio do portal. Neste espazo, ademais de consultar o planeamento, os usuarios/as disporán dun tutorial con información para cumplimentar os formularios de alegacións que tamén estarán na web municipal.
“Queremos que a exposición ao público sexa exemplar e que ninguén poida dicir que non viu o documento”, sinala a alcaldesa e responsable municipal de Urbanismo, Paula Fernández Pena. O documento pode consultarse xa nas oficinas de Urbanismo (rúa Alfonso Trabazo) dende o pasado 26 de decembro, logo da súa aprobación no pleno. Así mesmo, o día 4 de xaneiro comezou a axenda de visitas polo rural, con reunións que están a ter unha elevada afluencia de público. Esta reunión son informadas a través de bandos municipais en cada unha das parroquias, ademais de avisos telefónicos ás residencias de cada localidade.
Reunións no rural e alegacións
A axenta de visitas iniciouse o pasado 4 de xaneiro en Parada
O calendario de visitas ao rural, que se prolongará ata finais de febrero, continúa hoxe en Siador. O venres terá lugar a da parroquia de Chapa. Para a vindeira semana están previstos os encontros en Cira (luns 21), Lamela (martes 22); Piñeiro (23); Cervaña (24) e Graba (25).
En todas as reunión, a alcaldesa e responsable municipal de Urbanismo, Paula Fernández Pena, realiza unha explicación xenérica do que é e do que significa o documento, dando paso despois ás explicacións dos técnicos que detallan o contido relativo a cada parroquia e asesorán aos vecinos e veciñas ante as dúbidas ou se queren presentar alegacións.
En todas as reunión ademais tamén se entregan senllos dípticos para axudar aos veciños/as a interpretar os planos, un con información relativa a solo rústico e outra sobre o solo de núcleo rural. Ademais nas reunión os técnicos van acompañados de medios informáticos para poder recoller as alegacións ao término dos encontros.
Ata o momento rexitráronse 10 alegacións, 7 de particulares e outras tres que formulará o concello por erros na ubicación dun centro público e sobre a titularidade ou existencia de camiños. Nas reunións do rural non está a ser habitual que se presenten reclamacións. “É moito volumen de información polo que é normal que o mediten e fagan as alegacións despois da xuntanza”, sinala Paula Fernández. A alcaldesa incide en que coas reclamacións veciñais se espera mellorar o documento.