Silleda, 15 de agosto de 2013. O goberno municipal de Silleda xa remitiu a Novagalicia Banco a solicitude para a retirada de fondos municipais nesta entidade bancaria. A conta do Concello de Silleda contaba con preto de 200.000 euros, para os que se pediu o traslado a outra entidade. Deste xeito, dende o goberno municipal dase cumplimento ao acordo plenario unánime que se adoptou o pasado 4 de abril cando, a proposta da Alcaldía, entón con Paula Fernández ao fronte, se propuxo instar a Novagalicia Banco conceder un prazo de tres meses, a partir da recepción de dito acordo, para devolver as cantidades íntegras que investiron centos de familias de Silleda en preferentes e subordinadas.
O alcalde, Manuel Cuíña, asinou a solicitude de retirada de fondos que foi remitida xa ao banco. “Estamos a cumprir o mandato do Pleno, cun acordo firme á vista de que a situación non mudou para os moitos afectados e afectadas”, engade Cuíña. O rexedor explica que, se ben está xa solicitada a retirada dos fondos, a conta municipal nesta entidade non se pode cancelar definitivamente por mor do crédito que ten o Concello coa entidade.
O prazo concedido a NGB expirou hai agora un mes. O acordo foi remitido tanto á entidade como á Xunta de Galicia e ao Instituto Galego de Consumo. Pasado ese tempo, dende o goberno municipal socialista remitiuse outro escrito tanto á entidade como a Administración Autonómica para que informaran de cómo estaba a situación e se xa se procedera á devolución das inversións dos centos de silledenses, concedendo un preve prazo. “Pasou un tempo máis que prudencial e non recibimos ningunha resposta, polo que se decidiu dar cumprimento firme a ese acordo plenario respaldado por todos os grupos”, engade Manuel Cuíña, que non considera “xusto que o Concello, entidade que representa a todos os veciños e veciñas seguira tendo cartos nunha entidade que enganou a moitas familias”, sinala.
Ata o mes abril, na Oficina Municipal de Información ao Consumidor (OMIC) constaban máis de 200 expedientes de persoas que reclamaron os seus aforros pola vía da arbitrase, dos que a grande maioría son veciños e veciñas de Silleda. Así mesmo, dende o Concello remitiuse tamén a NGB un listado con persoas afectadas maiores de 65 anos e menores de 18, os casos máis vulnerables con aforros inferiores aos 10.000 euros, para priorizar a súa atención.
“Temos constancia de que hai máis casos, porque algúns acudiron directamente aos xulgados ou ao Instituto Galego de Consumo, sen pasar polos servizos municipais”, indica o alcalde. Os cartos investidos polas familias de Silleda poden superar a día de hoxe os 4 millóns de euros en total.
A proposta da Alcaldía, aprobada no pleno por unanimidade, pasaba por esixir a Nova Galicia Banco a procura das fórmulas precisas, ben a través do FROB do goberno de España ou ben a través do Fondo de Garantía de Depósitos (FGD) para a devolución íntegra dos aforros de todos os silledenses aos que se enganaron con depósitos en preferentes e subordinadas..
“Cremos que é unha decisión xusta porque ao fin e ao cabo esta entidade enganou aos veciños e veciñas abusando en moitos casos da súa confianza”, engade Cuíña.