Convocado o I Premio Concello de Silleda á Normalización Lingüística nas empresas e comercios

Silleda, 7 de maio de 2014. Hoxe tivo lugar no IES Pintor Colmeiro a presentación de dúas iniciativas enmarcadas no ámbito da normalización lingüística, organizadas polo Concello de Silleda en colaboración co citado centro educativo, a Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) e a asociación de Empresarios e Comerciantes e Silleda (Ecos).

Así, nace o I Premio Concello de Silleda á Normalización Lingüística nas empresas e comercios, que ten por obxeto estimular nos comerciantes e empresas do municipio o uso do galego na actividade comercial comprendendo, tanto  a empresas cunha tradición recoñecida na súa normalización como a aquelas que se incorporan recentemente ás prácticas normalizadoras. “Deste xeito tamén queremos recoñecer públicamente estas actitudes”, indicou o alcalde, Manuel Cuíña, que hoxe participou na presentación xunto ao concelleiro de Comercio, Luis Rodríguez, o director do IES, Xesús Sulleiro, e dous membros do profesorado, Cibrán Arxibai e Helena González.

Segundo as bases, que poden consultarse xa na web municipal, poderán concorrer  todos os comerciantes e empresarios do Concello de Silleda.

Calquera empresa ou particular pode presentar unha ou varias candidaturas perante  a Concellería de Normalización Lingüística,  xa por escrito, xa enviando un correo electrónico, a info@silleda.es, indicando o asunto e especificando  o nome do establecemento, nome da persoa  responsable e teléfono de contacto.

Unha Comisión de Admisión  nomeada ao efecto, poderá tamén propoñer  establecementos e será quen determine quen entrará a formar parte do grupo de seleccionados  para o concurso final. O prazo de presentación de candidaturas rematará o vindeiro  17 de maio.

O premio, que se entregará neste mes de maio, consiste nun diploma outorgado polo Concello de Silleda máis un convite, outorgado pola SXPL para visitar o Museo do Pobo Galego,  a Casa Museo de Rosalía (para dúas persoas) así coma un lote de produtos de lecer en galego (libros, musica e adiovisual). Tamén se concede unha visita guiada, neste caso para 8 persoas á mostra “Auga Doce”, da Cidade da Cultura.

 

Cibrán Arxibai, integrante do equipo normalizador do IES, explicou que a iniciativa conxunta do Concello e do centro xurdiu despois dun estudo realizado polo alumnado do centro sobre a paisaxe lingüística de Silleda. Sinalou que mentres as Administracións cumprían nun 90 % no uso do galego, as empresas privadas só o facían, no tocante a sinais indicadoras e outros nun 20%.

“Por iso propuxemos ao Concello realizar esta acitivade para que o sector da empresa e do comercio se animara  e se contribuirá a normalización do galego, recoñecendo cun premio a aqueles que utilizan o idioma”, sinalou.

O xurado conformarano varias persoas, entre eles alumnado do ciclo de Marquetin e Actividades comerciais.  Estará presidido pola concelleira de Normalización Lingüistica do Concello de Silleda, Margarita Campos.

Segundo figura nas bases, só entrarán en concurso os establecementos insritos e/ou  propostos pola Comisión  de Admisión  que cumpran os requisitos e fosen aceptados. Valoraranse aqueles datos, detalles, accións,  etc que contribúan á normalización lingüítica, que existan no momento de celebrarse o concurso  ou que estean en proceso de desenvolvemento,  e non se atenderán proxectos de futuro.  Tamén se terá en conta o esforzo feito en épocas anteriores ás fixadas para o presente exercicio.      

O alcalde agradeceu a colaboración do IES Colmeiro, da Secretaría Xeral e tamén da asociación  Ecos, que colabora na difusión das bases e o certame entre o sector.

As bases do certame poden consultarse no seguinte enlace:

http://www.scribd.com/doc/222845129/Bases-1%C2%BA-PREMIO-CONCELLO-DE-SILLEDA-A-NORMALIZACION-LINGUISTICA-NAS-EMPRESAS-E-COMERCIOS

Para o sector hostaleiro

Na mesma presentación tamén se deu a coñecer outra iniciativa de normalización lingüística, que ten como protagonistas aos establecementos comerciais. A través dun novo convenio entre o Concello de Silleda, neste caso o departamento de Turismo, e o IES Pintor Colmeiro ofertase aos 26 establecementos de restauración a confección gratuita das súas cartas e menús en tres idiomas: galego, castelán e inglés.

Esta iniciativa xorde tendo en conta que cada vez son máis os turistas que se achegan a Silleda, ademais de peregrinos de diversos países.

“Coa idea de mellorar a atención no sector, e de novo coa inestimable colaboración do equipo do IES Pintor Colmeiro faranse de maneira gratuita cartas de menús en galego, castelán e inglés a todos aqueles establecementos que o desexen”, sinalou o alcalde

O equipo do IES será o encargado de facer as correccións e traduccións das cartas, que serán devoltas aos locais cun formato unificado.

Dende a Concellería de Turismo, Margarita Campos, vén de remitir cartas ao sector hostaleiro informando deste servizo.

Na comparecencia, Cuiña aproveitou tamén para destacar o turismo como sector económico estratéxico no noso municipio, xa que segundo datos o Rexistro de Establecementos e Actividades Turísticas  de Galicia (REAT), Silleda é o concello das comarcas de Deza e Tabeirós-Montes con maior número de prazas de aloxamento (510), “superando as capitais comarcais de Lalín e A Estrada e a outros municipios do grupo Área de Santiago, no que estamos integrados”.

O alcalde tamén sinalou que iniciativas coma o I Premio de Normalización veñen a complementar outras actuacións de éxito neste ámbito coma os Concursos de Microcurtas e Microrrelatos, que este ano bateron récords con máis de 130 traballos presentados.