Silleda, 29 de agosto de 2016. O alcalde de Silleda, Manuel Cuiña, deu a coñecer hoxe aos membros da Mesa da Auga o acordo alcanzado con Espina y Delfín para zanxar a débeda con esta empresa, adxudicataria do servizo de abastecemento da auga dende 1996.
Ademais do acordo, que se abordará no pleno extraordinario de pasado mañá mércores (10:00 horas) Cuiña tamén abriu o debate na Mesa da Auga sobre a posibilidade de municipalizar o servizo de abastecemento, unha vez que o Concello xa asumiu o de depuración no ano 2013.
En canto ao acordo, o alcalde explicou os detalles da negociación con Espina y Delfín, aos que “hai que realizar un agradecemento expreso da súa cordialidade e dispoñibilidade en todo o proceso, que iniciamos o pasado mes de maio”, engade.
A empresa reclamaba inicialmente ao Concello de Silleda un total de 614.714 euros. Logo de facer as compensacións oportunas, – (tendo en conta por exemplo que ao Concello lle correspondían 297.409 euros polas taxas de depuración, dende que este servizo pasou a ser municipal e descontanto outros ingresos pendentes por altas e obras realizadas, entre outros) – esta cantidade situouse en 187.950 euros.
Espina y Delfín reclamaba este último saldo en concepto de suba do IPC.
Finalmente, e en base ao informe xurídico de Secretaría, a negociación rematou con saldo a favor do Concello, por importe de 860,89 euros. Dito informe cuestiona a aplicación do IPC en base á nova xurisprudencia que esixe demostrar que non hai equilibrio económico na concesión (é dicir que a empresa non teña beneficios) e tamén en base á nova lei de desindexación, referida aos servizos públicos. “Do balance final, a situación pasou de reclamarnos a empresa 187.000 euros a deberlle a empresa ao concello 860 euros a data 30 de xuño de 2016”, resume o alcalde.
Cuiña, que reitera a boa disposición de Espina y Delfín nas negociacións, advirte que se trata “dun moi bo acordo para todos os veciños e veciñas de Silleda, unha negociación en aras do interese xeral”, remarca.
Ademais de explicar o resultado das negociacións, que se levará ao pleno extraordinario do mércores, Cuiña tamén abriu o debate na Mesa sobre a municipalización do servizo a partir do 1 de xaneiro de 2017, unha vez rematada a concesión e visto o mandato da Mesa da Auga.
Acordo de non renovar a concesión
Así, o alcalde lembra que en maio de 2014, na última sesión da Mesa da Auga, acordouse por maioría non prorrogar a concesión de abastecemento, que remata este ano, e asumir o saneamento dende o Concello, ao tempo que se negociaba o pago da débeda.
“Á vista deste mandato da Mesa plantexamos a municipalización do servizo como unha das opcións posibles”, explica o alcalde.