Silleda, 15 de abril de 2019. O polígono industrial Área 33 de Silleda contará antes de que remate o ano co ansiado viveiro de empresas na parcela de titularidade municipal. A Xunta de Galicia comunicou onte a resolución da subvención, polo máximo subvencionable –un total de 240.000 euros- ao proxecto presentado polo goberno municipal, o único de toda a provincia de Pontevedra das 9 iniciativas aprobadas.
O alcalde, Manuel Cuiña, amosou a súa satisfacción por esta achega “que nos permitirá continuar mellorando o polígono industrial como xa vimos facendo nos últimos anos a través das liñas de subvención da Administración autonómica, e que virá a dar resposta a unha das grandes demandas do colectivo de empresarios”, engade.
O rexedor confirmou que a obra se executará pese a que os prazos son axustados (deberá de estar rematada a finais de outubro), “pero xa demostramos coa execución doutras obras como a Rede de Calor, -sendo os únicos que nos atrevemos a materializar proxectos desa convocatoria en Galicia- que estamos en disposición de asumilo”, engadiu.
Para Cuiña, o feito non só de recibir a cantidade máxima subvencionable, senon tamén de ser o único proxecto da provincia de Pontevedra, “demostra que as cousas se fixeron ben, e que non vendemos fume, como afirmaba o voceiro do PP silledense ao que tanto xogo lle de unos últimos meses esta actuación”, di o rexedor.
Cuiña lamenta “que pese ás explicacións que demos no seu momento, o PP seguira erre que erre criticándonos nos últimos meses por renunciar no seu momento a unha axuda de 20. 849 euros, o que non chegaba ni nao 10% do total do traballo”.
“Se non fora así, ahora sí que teriamos perdido 210.000 euros”, indica o alcalde lembrando que “o señor Maril nos acusou no seu día de actuar con incapacidade e deixadez na tramitación deste proxecto, e vendo como pleno tras pleno seguía coa letanía dos requerimentos….. “
“Esperamos que esta resolución lle sirva ao voceiro do PP para ilustrar , dunha vez por todas, a boa xestión e o traballo que se está a facer dende o Concello de Silleda, e por suposto a capacidade dos técnicos municipais que redactaron e tramitaron o proxecto, algo que tamén tristemente vén poñendo en dúbida nos últimos tempos”, engade.
Un proxecto de máis de 350.000 €
O proxecto presentado polo Concello de Silleda conta cun edificio na parcela municipal situada xunto á rotonda do parque, que se levantará, -como xa se avanzou no seu día- integrándose coa actual nave municipal sita nesta parcela. Este novo edificio serviría como sede para novas empresas tecnolóxicas ou de servizos, permitindo a persoas emprendedoras a posibilidade de contar cun espazo de traballo.
Do mesmo xeito, tamén se plantexa como lugar de encontro e reunión entre distintos profesionais.
O novo edificio proxéctase cunha estrutura de planta baixa, en forma de “L”, e adxacente á nave que xa existe na parcela municipal, xunto á rotonda do parque empresarial.
O deseño permitiría incluso unha fugura ampliación cunha nova planta nunha seguinte fase.
O proxecto contempla espazos como unha cafetería, vinculada ao acceso principal, despachos para as empresas, salón de actos, e aseos accesibles.
“Plantéxase a construcción dunha estrutura modular que permitiría, se fose necesario, ir ampliando o edificio para acoller novos servizos”, indica o alcalde Manuel Cuiña. O orzamento estipulado no proxecto e de 349.085 euros.
“A día de hoxe en Silleda contamos cun polígono no que afortunadamente case a práctica totalidade das naves están ocupadas”, indica resaltando que a actividade industrial de Silleda “non solo se recuperou senon que se está afianzando, con novos proxectos empresariais que crean postos de traballo e que atraen poboación ao noso municipio”, engade.
Cuiña tamén agradece expresamente á Xunta de Galicia, e en concreto á Consellería de Economía, Emprego e Industria a súa colaboración, “xa que ao longo dos últimos anos, a cofinanciación a través das liñas de axuda deste departamento e os fondos municipais fixeron posible levar a cabo proxectos como a mellora da rede viaria en Área 33, sinalización, ou creación do rueiro, entre outros.