O Concello pon en marcha o programa Silleda Reactiva, que poderá destinar máis de 500.000 euros a axudas directas ao tecido comercial e empresarial

-As bases establecen dúas modalidades de axuda, con 800 € para os establecemento que tiveron que pechar dende o 14 de marzo e con 300€ para os que estando abertos viron reducida a súa facturación nun 50%. Unha vez aprobada a partida no Pleno, a finais desta semana, estas axudas directas poderán solicitarse  dende o dia seguinte a publicación das bases no BOP

 

Silleda, 13 de abril de 2020.  O Concello de Silleda pon en marcha o programa Silleda Reactiva, para impulsar un paquetes de medidas con axudas directas a fin de paliar as consecuencias derivadas da crise provocada polo COVID-19. A fin de apoiar con axudas directas a microempresas, autónomos e pymes, establécense unhas bases dotadas inicialmente con 302.000 euros, procedentes de parte do remanente de tesoureiría para gastos xerais, que excede do superávit do ano 2019, quedando en previsión outros 200.000 euros reservados para tal fin, se a situación actual se alongase.

“Cremos urxente aprobar xa unhas primeiras axudas directas con cargo a eses 302.000 euros iniciais, e no caso de que a situación de alarma se prolongue máis do previsto, poderemos dispoñer doutros 200.000 euros que se extraerán doutras partidas para continuar axudando aos comerciantes, hostaleiros e aqueles autónomos que están a sufrir as consecuencias desta crise”, indica o alcalde, Manuel Cuiña.

As bases establecen dous tipos de axuda. Así, no epígrafe 1, con axudas directas de 800 euros, inclúense todos os establecementos  que tiveron que pechar as suas portas dende o 14 de marzo polo RD 463/2020;  e no epígrafe 2, os que sufriran unha reducción de alomenos o 50% en relación coa media do semestre natural anterior á declaración do Estado de alarma, con axudas de 300€.

O goberno municipal trasladou na xornada de hoxe aos grupos da oposición as bases para o seu estudo e aportacións. A previsión pasa por aprobar nas próximas horas estas bases a través de Resolución de Alcaldía e levar a pleno a finais de semana a modificación orzamentaria para habilitar a partida correpondente.

“Queremos axilizar ao máximo posible o pago destas axudas directas, con declaracións responsables dos solicitantes , e que se xustificarán a posterior, unha vez cobradas”, indica.

O prazo para solicitar estas subvencións, por concorrencia competitiva, abrirase ao día seguinte á publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia (BOP) de Pontevedra,  e continuará ata o décimo quinto día hábil posterior á finalización do Estado de Alarma.

As solicitudes, segundo un formulario específico, deben tramitarse a través da Sede electrónica. As bases e formularios estarán dispoñibles tamén na web municipal e no Portal de Transparencia.

Entre os requisitos comúns que deben de cumprir os beneficiarios figuran: que a actividade económica sexa desenvolvida por unha persoa autónoma, unha microempresa ou pequena empresa; estar dado de alta no Réxime da Seguridade Social ou mútua profesional así como en Facenda, no momento de presentar a instancia; que o domicilio fiscal e –no seu caso o local de actividade- estén no termo municipal de Silleda, entre outros.

As bases incluén tamén a documentación a presentar por parte dos solicitantes e as obrigas das persoas beneficiarias, que entre outros, deben manter a actividade empresarial durante 3 meses como mínimo a partir do día seguinte a que remate o Estado de Alarma.

Axudas de emerxencia social

“Trataremos de axilizar ao máximo posible o pago das axudas, inicialmente con estes pagos únicos que se ingresarán mediante transferencia bancaria”, engade Cuiña, lembrando que o apoio ao tecido empresarial é clave “polos difíciles momentos que estamos a vivir”.

Por outro lado, tamén parte do remanente de tesourería se destinará ás axudas de emerxencia social, que se prevé aumenten polos efectos desta crise. No departamento de Benestar Social xa se está a traballar para definir as necesidades das persoas con maior vulnerabilidade ante esta situación. “Estamos en disposición tamén de ampliar co remanente de tesourería as axudas de emerxencia para as persoas que están a pasar momentos difíciles, e contando tamén con aportacións coma a liña de axudas da Deputación para este fin”, engade.

Pleno co quorum mínimo

O alcalde contactou esta mañá cos voceiros dos grupos municipais para exponer as liñas xerais das bases e acordar a celebración do Pleno, a finais desta semana, no que se debe aprobar a modificación orzamentaria para a concesión destas axudas.

Dado que se quere axilizar ao máximo o pago destas subvencións, e mentres se poñen en marcha as solucións tecnolóxicas pertinentes, o Pleno da Corporación –segundo o acordado hoxe cos grupos municipais- terá lugar no Salón de Actos da Casa da Cultura, gardando as distancias e establecendo as medidas de prevención pertinentes, para o que se optou pola asistencia mínima esixida, con 7 edís en total.