-Esta nova dotación chega a través da iniciativa de Estratexia Sostible Transfronteiriza para a Xestión dos Residuos de Aparellos Eléctricos e Electrónicos (ESTRAEE), que promove a Deputación de Pontevedra
-Estudase a itinerancia desta instalación nos centros escolares
Silleda, 17 de agosto de 2020. O Concello de Silleda conta dende hoxe cunha nova dotación en materia de medio ambiente. A través da iniciativa de Estratexia Sostible Transfronteiriza para a Xestión dos Residuos de Aparellos Eléctricos e Electrónicos (ESTRAEE), que promove a Deputación de Pontevedra, instalouse un MiniEco Punto Limpo no vestíbulo da Casa da Cultura de Silleda.
Esta dotación, deseñada para interiores, permitirá que a veciñanza deposite pequenos residuos eléctricos. En concreto neste punto poderán depositarse pilas e baterías, cargadores, e dispositivos de telefonía mobil e tablets.
Dende o Concello de Silleda, dadas tamén as características desta instalación, estudiase a posibilidade de que o minieco punto limpo sexa itinerante, e que poida estar en dependencias coma os centros educativos do municipio, a fin de fomentar a reciclaxe e concienciar á poboación máis nova.
Esta dotación virá a complementar tamén o servizo dos dous mini puntos limpos, colocados en Silleda (rúa Trasdeza) e na Bandeira (praza da Feira) nos que se pode depositar varias modalidades de residuos: pilas (convencionais, alcalinas, de petaca e de botón), e baterías de móbiles; teléfonos móbiles; unidades de CD/DVD; cartuchos de impresora de inxección, lámpadas de baixo consumo e tamen os chamados RAES (residuos de aparellos electrónicos ou eléctricos que leven pilas ou se poidan enchufar á corrente).
Esta modalidade de punto de reciclaxe, a través do programa da Deputación, vén a complementar tamén as outras dúas actuacións levadas a cabo polo programa de Estratexia Sostible Transfronteriza para a Xestión dos Residuos de Aparellos Eléctricos e Electrónicos (ESTRAEE), a través da que nos últimos meses se dotou ao Punto Limpo de Silleda, situado en Vilanova (Margaride) dunha nova marquesiña para almacenaxe e serparación de aparellos eléctricos, e tamén á dotación da transpaleta eléctrica que a Deputación entregou a pasada semana ao Concello de Silleda.
Este programa, liderado pola Deputación e no que participan outros 8 municipios de Pontevedra, permitirá avanzar na xestión de residos ademais de seguir ás liñas da Axenda 2030, en materia de sostenibilidade ambiental.
Coa reciclaxe dos chamados RAAE (Residuos aparellos Eléctricos e Electrónicos) recupéranse materiais, e redúcense as emisións ao medio, ademais de evitar a proliferación de vertedoiros incontrolados con alto risco medioambiental polos componentes que levan. Tamén ao mesmo tempo se xera emprego a través da economía circular que se crea (separación, reciclaxe, reutilización, reparación….)
Todos estes obxectivos e beneficios figuran no miniecopunto limpo nos paneis explicativos xunto cos recipientes.