-Os avisos recolleránse dende o xoves día 1 e ata o vindeiro día 13 de outubro, e a retirada executarase a partir do día 20 , establecendo un calendario por zonas
Silleda, 28 de setembro de 2020. O Concello de Silleda pon en marcha a segunda campaña do ano de recollida de plásticos agrícolas e de invernadoiro, en colaboración coa entidade “Solucións Integrais para o Medio Ambiente”, SIMA, S.L. que realizará o servizo.
O Concello de Silleda, a través das Concellerías de Medio Ambiente e Medio Rural, dirixidas por Klaus Brey e Jesús Taboada respectivamente, inicia o vindeiro mes a que será a segunda fase do ano do programa de Recollida de Primavera de Plásticos Agrícolas de Silos e Invernadoiros, un servizo totalmente gratuito para os usuarios/as.
Así, os veciños e veciñas poderán chamar a partir deste xoves día 1 e ata o martes día 13 de outubro incluido para dar os correspondentes avisos aos números 986 581028, 986 580000 e 986 180245, en horario de 08.00 a 15.00 horas, indicando nome, apelidos, teléfono e ubicación dos plásticos. Unha vez ordenada a relación de solicitudes, programarase o calendario de recollida por zonas, informando en cada parroquia dos días en que pasará o camión do servizo. Dende o departamento de Medio Ambiente, advírtese aos usuarios da importancia de dar os avisos dentro do prazo establecido para programar a recollida, avisando de que calquera petición ou chamada posterior non será tida en conta.
A campaña inclúe, un ano máis, o envío de folletos informativos sobre esta campaña aos domicilios, nos que tamén se informa dos horarios e residuos que se admiten no Punto Limpo, un servizo totalmente gratuito a disposición do público todos os mércores e sábados en horario de 09:00 a 14:00 horas.
Unha vez que se recollan todos os avisos, ao igual que en anos anteriores establecerase un calendario de recollida por zonas, avisando telefónicamente aos usuarios que estén anotados. A retirada dos plásticos realizarase a partir do 20 de outubro.
Os agricultores e gandeiros deberán de dobrar e empacar os plásticos da mellor forma posible. Ademais, os plásticos deberán de ter ademais a menor sucidade posible, e evitar conter outras materias impropias que dificulten os traballos de reciclaxe.
No ano 2019 retriráronse un total de 88.140 kilos de plásticos de silos e invernadoiros a través desta campaña. O pasado mes de maio, en pleno estado de Alarma, a primeira fase deste ano pechouse ca retirada de 46.980 kg .
Dende o Concello agradécese un ano máis a colaboración de todos os gandeiros e agricultores con esta campaña, ca que se evitan emisións contaminantes ao medio, tendo en conta a lenta degradación destes plásticos. “Ano tras ano, contamos con datos cada vez máis alentadores porque segue a aumentar o número de plásticos recollidos, o que da conta do compromiso dos nosos veciños á hora de facer unha reciclaxe axeitada deste tipo de residuos”, indica o alcalde, Manuel Cuiña.