O Concello de Silleda e a Casa do Patrón asinan un convenio para a promoción de Carboeiro e o museo lalinense

 

Silleda, 12 de decembro de 2012. O Concello de Silleda, a través da Concellaría de Cultura e Turismo, e  o Museo Etnográfico Casa do Patrón de Codeseda, en  Doade (Lalín) veñen de asinar un convenio de colaboración, co mosteiro de Carboeiro e o propio museo como protagonistas.

Este acordo ten por obxectivo a promoción e divulgación ,de xeito mutuo, do Mosteiro de Carboeiro, e a posta en valor do Museo Casa do Patrón.  A Concellaría de Cultura e Turismo do Concello de Silleda colaborará co Museo Etnográfico Casa do Patrón de Codeseda  posibilitando a súa publicidade e sinalización para dar  a coñecer as súas actividades. Como contrapartida, o centro lalinense pon a disposición do Concello a posibilidade de realizar exposicións temporais e intercambios cos fondos do propio Museo.

As dúas partes facilitarán, en virtude deste convenio, o intercambio de visitas a través dos seus respectivos guías turísticos, divulgando e recomendando mutuamente a visita á outra institución.

O concelleiro de Cultura e Turismo de Silleda, Matías Rodríguez da Torre, considera que este acordo pon en valor “conceptos básicos, como son a comarcalización do turismo, fomentando o intercambio de visitas e maiores estadías das persoas que se achegan a coñecer a comarca, e tamén a difusión de dous emblemas a nivel turístico”.

Pola súa banda, Manuel Blanco Villar, presidente do Museo Casa do Patrón lembrou que o centro lalinense conta cun gran número de fondos, con máis de 3.000 pezas representativas de máis de 80 oficios ou profesións artesanais de toda a Comunidade. Con este convenio, algunhas desas pezas formarán serán amosadas ao público na sala de exposicións do mosteiro trasdezao.

Silleda será o segundo Concello co que a entidade, que tamén edita libros e videos sobre temas culturais e organiza distintas actividades, asine un convenio de colaboración, logo de Lalín.

“En definitiva, con este convenio estamos aproveitando os dous recursos turísticos que máis fluxo teñen a día de hoxe na comarca”, sinalou Da Torre, lembrando ademais os milleiros de visitantes que se achegan cada ano ata Carboeiro.

Blanco Villar tamén manifestou durante a firma do convenio que agarda que con esta fórmula de colabroación establece “o eixe Carboeiro-Doade se convirta nunha ruta habitual da visitas”, e agradeceu a boa disposición amosada polo concelleiro Matías R. Da Torre.