Preto de un centenar de alumnos asisten ao X Curso de Música da Bandeira

 

O Curso de Música organizado pola Banda Recreativa de Cultural da Bandeira celebra a súa décima edición convertido xa nun referente a nivel galego. O certame comeza o vindeiro luns día 25 e rematará o xoves 28 cun concertó de clausura no que participará o alumnado e no que se entregarán os diplomas.

Ademais das sesións formativas con seis especialidades (frauta, Clarinete, trompa, tuba, trompeta e clarinete baixo-música de cámara), o ciclo da Bandeira continuará con diversas actividades. Así, o luns 25 haberá unha conferencia a cargo de Rafael Agulló Albors, director da Municipal de SIlleda, baixo o título La música para banda en el país del sol naciente. A cita será ás 20.30 horas na sala José Villaverde do auditorio Dopazo da Bandeira. O martes 26 (22.30 horas) o grupo de música moderna da Banda Recreativa e Cultural da Bandeira actuará na Taberna do Músico; o mércores 27, ás 23.30 haberá outra actuación no Bar Arume, cun tributo a Lee Morgan. O xoves terá lugar o concertó de clausura ás 20.00 horas no auditorio.

As prazas do curso, un total de 90, están xa todas cubertas, con alumnos e alumnas de idades moi diversas e procedentes de distintas localidades da comunidade. Este ano entre as novidades figura o ciclo adicado a clarinete baixo, especialidade que impartirá Xocas Meijide. O elenco de profesores destas sesión (en horario de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 19.00 horas) complétase con Fernando Raña (frauta); Venanco Rius (clarinete); Jordi Ortega López (trompa); José M. Redondo (tuba) e Roberto Pascual Bodí (trompeta). “Contamos con Mestres de primeiro nivel”, sinalou hoxe durante a presentación Diego Cuíña, membro da directiva, que explicou o programa xunto a Manuel Otero Payno, Belén Rodríguez e a concelleira de Cultura, Margarita Campos.

Esta última destacou que o curso da Bandeira “é un dos mellores de Galicia, tanto pola cantidade como pola calidade do profesorado”. Así mesmo, destacou que esta iniciativa, que se vén celebrando dende hai dez anos, “supón un plus para os alumnos das escolas de música do municipio silledense, xa que acadan un maior grao de especialización no seu instrumento, e aportando maior nivel ás dúas bandas coas que contamos en Silleda”, sinalou.

Margarita Campos avanzou que a intención da Banda e do Concello é apostar por un proxecto máis ambicioso para edicións vindeiras tratando de implicar tamén a Consellería de Educación. Do mesmo xeito, destacou as sinerxias que se crearán na localidade durante os vindeiros días coa hostelería e o comercio, pola cantidade de alumnos que acoden.