Paula Fernández explica aos pais e nais as medidas para potenciar o Servizo Lúdico Educativo

 

Silleda, 3 de abril de 2013. A alcaldesa e concelleira de Educación, Paula Fernández Pena, manterá hoxe ás 20.00 horas un encontro cos pais e nais dos usuarios do Servizo Lúdico Educativo, unha iniciativa que se tratará de dinamizar ante o déficit que supón a día de hoxe. Á reunión están convocados tanto os proxenitores dos usuarios actuais (só hai 39 do 80 nenos previstos inicialmente), así coma os que estiveron matriculados ao inicio.

Nos orzamentos deste ano, que se levarán mañá a pleno, resérvase unha partida de 60.000 euros para este servizo (en 2012 licitouse por 80.000 euros), e só se prevén ingresar polas tasas do servizo 25.000 euros. “Vese con claridade que o servizo está a ser deficitario e que a súa continuidade implica un gran esforzo dende o Concello, por iso queremos potencialo”, sinala Paula Fernández.

Paula Fernández explica que se conseguiu negociar coa empresa xestionadora, Vida Láctea, unha rebaixa no prezo. Así, acordouse que os pagos mensuais rebaixaranse en mil euros na factura mensual. “Esto non suporá unha merma nos horarios nin na atención, senon que se fará reorganizando o persoal  que atende aos nenos nas primeiras e últimas horas”, explica a rexedora.

Así mesmo, a empresa xestionadora ademais desta rebaixa, comprométese a becar nun 50 % as taxas de 20 usuarios. Sería  para aqueles casos nos que un dos dous pais quedara sen traballo no último ano a contar, familias monoparentais, nos casos nos que os ingresos do núcleo familiar ser viran reducidos en proporción á rebaixa da beca, ou calquera outra causa de corte social que se considere oportuna, sempre contando con informe dos Servizos Sociais.

Coa rebaixa negociada coa empresa e as becas, a factura mensual que o Concello debe abonar á empresa,  pasará de 6.388,33 a 4.828,50 euros.

“A idea é axudar a esas familias concedendo axudas para que poidan continuar levando aos fillos ao servizo”, sinala a concelleira.  A concesión destas axudas permitiría a algunhas familias poder continuar cos cativos dentro do servizo, pero sempre atendendo a situación puntuais. Así, non se terían en conta o cómputo total de ingresos, senon que durante o tempo que un membro da unidade familiar esté no paro, se aplicaría esa axuda. 

Outras das apostas será retomar o apoio educativo, cun sistema de control de traballo que permita aos pais/nais coñecer o traballo que realizan os nenos e nenas sobre as materias lectivas durante a súa estancia no servizo. Tamén se recupera o servizo de acompañamento á catequesis para todos aqueles que o soliciten. A supresión deste servizo, que se viña facendo en anos anteriores, motivou alomenos cinco baixas.

Así mesmo, tamén se está a plantexar incluso a implantación do servizo no CEIP da Bandeira, para o que hasta agora se pedía un número mínimo de alumnos. Neste caso non sería necesario establecer un mínimo de prazas.

Do mesmo xeito, tamén se promocionarán actividades do servizo e se abrirá a participación dos alumnos/as usuarios noutras actividades municipais.

O servizo foi creado na anterior lexislatura durante a etapa de goberno de Paula Fernández e chegou a contar con 116 alumnos.  “Cremos firmemente neste servizo por iso é moi necesario potencialo e dinamizalo”, sinala Paula Fernández.