A Concellería de Medio Ambiente segue a repartir embudos de xeito gratuito para a recollida de aceites domésticos usados

 

O Concello de Silleda, a través do departamento de Medio Ambiente, que dirixe Antonio Couso, segue a facilitar a recollida de aceites domésticos usados para a súa correcta reciclaxe. O municipio conta con este servizo dende o ano 2009, data na que se puxeron a disposición dos veciños 2.000 embudos universais de xeito gratuito.

Co ánimo de seguir fomentando esta forma de reciclaxe, dende o citado departamento municipal continuaránse repartindo estes embudos para facilitar a almacenaxe dos aceites.  Os interesados poden recollelos de forma totalmente gratuita nas dependencias da Casa da Cultura de Silleda ou no Centro Cultural Vista Alegre da Bandeira.

Para realizar estes depósitos, os veciños e veciñas de Silleda contan con un total de 4 contenedores. Tres deles están situados no casco urbano de Silleda (na rúa República Arxentina, Praza da Feira Vella e Avenida do Parque) e outro na praza da Feira da Bandeira.

Acopio en restaurantes

Por outra banda, e co ánimo de facilitar a reciclaxe no caso de grandes cantidades, dende o Concello tamén se ofertarán aos restaurantes de todo o municipio bidóns para que fagan un correcto almacenamento dos aceites usados. Estes recipientes, cunha capacidade de 50 litros, tamén se surtirán e recollerán sen ningún tipo de custes para os establecementos, unha vez que estén cheos. Os establecementos que estén interesados deben de chamar ao Concello para informarse e solicitar os bidóns.

“Consideramos que a reciclaxe dos aceites, co que se xenera biodiesel, é algo moi necesario e positivo que debemos de potenciar, para evitar tamén causar danos no medio”, sinala Couso, lembrando que cada litro de aceite é convertible en 1 litro de biodiesel.

No ano 2012, recolléronse no municipio de Silleda un total de 1.255 litros de aceite nos catro puntos habilitados. O colector situado na avenida do Parque de Silleda, con 415 litros, foi o que rexistrou o maior depósito. No ano 2011, a recollida fora maior, cun 200 litros máis.