A Banda Municipal de Silleda celebra o seu vixésimo festival coa Unión Musical de Valladares como formación convidada

 

Silleda, 18 de abril de 2013. O  Festival de Bandas de Música de Silleda volta pasado mañá sábado, como unha das citas protagonistas da agrupación, que este ano celebra os seu 125 anos de historia.   A cita será ás 21.00 horas no auditorio Semana Verde, coa actuación da banda anfitriona, dirixida por Rafael Agulló, e da Unión Musical de  Valladares, unha das de maior sona de Galicia, baixo a batuta de José Iglesias Ramilo.

Durante o concerto a banda realizará un recoñecemento ás corporación municipais de Silleda dende a súa refundación, en 1985, e tamén a persoas como José Maril, impulsor da Asociación Feiral Semana Verde, xermen da actual fundación. O festival será presentado por Germán Tizón.

Esta cita xorde no ano 94, como consecuencia do intercambio realizado entre a Banda de Música de Silleda e a Banda de Música de La Gineta (Albacete). A presencia en Silleda desta banda manchega fai que se pense na creación dun festival, no que participe ademais unha banda galega de recoñecido prestixio, e, por suposto, a banda anfitrioa. Debido á realización  de intercambios con outras bandas non galegas en anos posteriores, a estructura do festival manterase en sucesivas edicións, contando sempre cunha Banda de fóra de Galicia, unha Banda galega, e a Banda de Música de Silleda.

            A primeira edición ten  lugar o venres 19 de agosto de 1994 no Pavillón do Colexio Mª Inmaculada de Silleda, debidamente acondicionado para a ocasión, e conta coa presencia de:

§  Banda de Música Belas Artes de Cangas.

§  Banda de Música de La Gineta (Albacete).

§  Banda de Música Municipal de Silleda.    

           

Por parte da Agrupación, lévase acabo unha forte labor de promoción  da cita, que nos últimos anos vén sendo gravada pola Radio Galega, e que conta cun gran respaldo de público, chegando ao milleiro de persoas.

O Festival constitúe unha oportunidade de escoitar Agrupacións musicais de recoñecido prestixio, tanto da nosa Comunidade como de fóra, nun lugar de excelentes condicións acústicas, como é o Auditorio da Semana Verde de Galicia.

É punto de encontro de músicos de toda Galicia e tamén unha maneira de acerca-la música ó pobo e de dignificar o traballo dos músicos, non sempre valorado no seu xusto término, eliminando por unha banda o carácter elitista que por veces se lle adxudica á música de calidade, e por outra facendo ver que esta calidade é posible atopala en algo tan próximo e tan familiar como son as Bandas de Música.

A concelleira de Cultura, Margarita Campos, destaca a calidade desta viséximo edición do festival “todo un clásico xa no panorama bandístico e que este ano terá un sabor especial polas celebracións do aniversario da formación”, engade.