Silleda, 31 de agosto de 2013. A dotación do Centro de Interpretación da Natureza de Escuadro, que inclué a creación dun sendeiro ata a Fervenza da Férveda, será executada pola empresa local Construccións Míguez Xestoso S.L. Para a adxudicación desta obra, goberno local solicitou, como xa se anunciara, ofertas a tres empresas do municipio.
A presentada pola firma adxudicataria é a máis vantaxosa a nivel económico, cun prezo de 46. 593,34 euros. A obra realízase con cargo ao chamado Fondo de Compensación Ambiental, polo que o Concello de Silleda recibirá unha axuda de 33.375,74 euros, completando a cantidade restante con fondos municipais.Trátase da liña non compiretitiva destas axudas, concedidas como compensación pola instalación de parques eólicos, e que teñen como finalidade a aplicación de actuacións globais destinadas á conservación, reposición e restauración do medio, e o reequilibrio territorial.
Segundo a resolución autonómica, as obras deberán de estar rematadas o vindeiro día 30 de setembro. Con esta iniciativa búscase a posta en valor da Fervenza da Férveda, un enclave natural e paisaxístico aínda pouco coñecido, que forma parte dos recursos naturais e turísticos do municipio de Silleda. Ademais do centro de interpretación, que se ubicará no centro social da parroquia, dotarase unha senda ata a fervenza, partindo precisamente do teleclube de Escuadro.
Coa creación da senda ata A Férveda recuperaríase un itinerario tradicional duns tres kilómetros de lonxitude en cada sentido que se adentra no val do río Escuadro ata as inmediacións do coto coñecido coma O Castelo, facendo referencia a construcción derruída durante as revoltas irmandiñas.
O roteiro, que remata no salto da Férveda, discorre por zonas nas que se atopa un lavadoiro dos anos 50, e tamén un muíño tradicional, o de Varela, así como zonas con especies arbóreas autóctonas.
Para realizar esta actuación limparanse e desbrozaranse algún dos tramos, retirar troncos. Tamén se restaurarán elementos etnográficos coma os anteriormente citados. A ruta complementarase coa instalación de bancos, letreiros, e a correspondente sinalización.
O Centro de Interpretación da Natureza, que se situaría no centro social de Escuadro contaría con paneis informativos e outro material de divulgación que estaría alí de xeito permanente, con información sobre a Fervenza da Férveda e os outros recursos naturais, históricos e paisaxísticos espallados por todo o termo municipal.
Dende o goberno municipal destácase que a dotación das sendas ata A Férveda era unha das actuacións que estaba pendente de executar dende hai tempo. A proposta encaixa perfectamente na liña de axudas do Fondo de Compensación Ambiental, pola instalación de parques eólicos, que ten como finalidade a aplicación de actuacións globais destinadas á conservación, reposición e restauración do medio, e reequilibrio territorial.