Silleda, 18 de setembro de 2013. A celebración do 150 aniversario do Santuario da Saleta, en Siador, contará, ademais de coas celebracións relixiosas enmarcadas no Ano Xubilar, con outra serie de actividades para as que xa se creou unha comisión organizadora.
O grupo constituise inicialmente con Roberto Rivas, propietario do Pazo de Sestelo e mecenas da parroquia, a congregación Saletina (representada no primeiro encontró polo Padre Gerardo), Mª de Carmen Sánchez, Ana Malheiro e Alfredo Abeledo, en representación do Concello de Silleda . Tamén se sumaron nos últimos días Antonio González Abal e Lucía Ares, quedando aberta a lista en función das acción a desenvolver.
O programa prolongarase ata 2014, ano no que se cumplen 150 anos da creación do Santuario, que mañá celebra o seu día grande.
As actividades celebraranse tanto en Siador como en Silleda, e a falta de pechar o programa definitivo, nas primeiras xuntanzas dos organizadores xa se estableceron algunhas das accións a celebrar.
O primeiro dos acordos foi a creación dun Centro de Documentación Histórica, en colaboración co Concello de Silleda. Así, Roberto Rivas vén de brindar ao Concello documentos que obran na biblioteca do pazo de Sestelo, relacionados tanto co santuario como co municipio de Silleda, en especial protocolos notaríais que poderían axudar a poñer luz do acontecido no século XIX en Trasdeza.
Dixitalización dos documentos
Rivas mantivo recentemente un encontro co alcalde de Silleda, Manuel Cuíña, para brindarlle esta información privilexiada e cedela ao Concello como institución. “Este xesto pode axudar a coñecer mellor a nosa historia e raíces, xa que estamos ante arquivos fundamentais sobre o pasado deste municipio”, di Cuíña, que amosa a súa gratitude a Roberto Rivas “en nome de todos e todas as silledenses por este valiosísimo legado do que todos nos debemos de sentir orgullosos”, engade o rexedor.
Neste senso, Manuel Cuíña acaba de solicitar colaboración á Deputación de Pontevedra para os traballo de catalogación, selección e dixitalización deste valioso legado “tan importante para a comunidade”, di.
Así, no encontro, agardando ademais unha resposta positiva do organismo provincial, acordouse iniciar xa a recopilación da documentación que interese, a súa dixitalización e a posterior cesión dos traballos tanto ao Concello como ao Arquivo Provincial. Así mesmo, tamén se prevé expoñer algúns dos doucmetnos ao público, durante a exposición prevista para conmemora o centenario da Saleta, e noutras posteriores. O encargado de levar a cabo a creación deste Centro de Documentación Histórica do Concello foi encomendada a Alfredo Abeledo, traballador municipal e experto en historia local.
Alcalde de Chapa
Rivas é descendente de Francisco Mª de Rivas, veciño de Siador (era o seu tataravó) e alcalde de Chapa (parroquia onde estivo situado o Concello a mediados do século XIX). Ademais, Francisco de Rivas foi o que promoveu a creación do Santuario de Siador, o primeiro adicado en España á virxe da Saleta, encargando no ano 1863 a imaxe de ao escultor Magariños, que foi traída a ombreiros dende Compostela a Siador.
Exposicións , libros, e motivos artesanais
Outro dos acordos da comisión foi a de celebrar unha exposición fotográfica sobre a Saleta (con retrospectivas dos veciños, edificios, eventos…) e unha mostra antolóxica da Saleta a través das súas parroquias. Esta última tería carácter nacional e mesmo internacional, tendo en conta que Siador foi o primeiro centro espiritual de España, con aportacións de todas as localidades onde se venere a Saleta.
Tamén está previsto organizar excursións e visitas a estes centros saletinos así como a conventos e monasteiros próximos. A edición de libros e material de divulgación turística é outra das accións previstas xunto coa composición dun tema musical, con motivo da efeméride, do que se encargará Rafa Agulló.
A elaboración de motivos conmemorativos e artesanais sobre Siador, concertos, e conferencias tamén figuran entre as actividades previstas.
A comisión organizadora do 150 aniversario ten previsto ademais solicitar ao Concello un plan integral de mellora para a parroquia, incidindo en cuestións coma a limpeza, sinalización de accesos, paneles informativos, ou melloras viarias. O alcalde, Manuel Cuíña, advirte que a proposta se terá en conta de cara aos orzamentos do vindeiro ano.