O Concello de Silleda anima a veciñanza e asociacións a colaborar na xestión das colonias felinas

O obxectivo é desenvolver o método CER, baseado na captura, na esterilización e no retorno dos gatos ao seu territorio

Este sistema reduce as enfermidades infecciosas e permite manter estable, e mesmo diminuír, a poboación animal

As persoas voluntarias recibirán un carné de colaboradoras autorizadas e terán ao seu cargo o coidado dunha ou varias colonias

O Concello de Silleda busca a participación da veciñanza para desenvolver o Plan Municipal de Xestión de Colonias Felinas e anima a colaborar como voluntarias a todas as persoas ou asociacións interesadas no benestar animal.

O Plan Municipal de Xestión de Colonias Felinas, impulsado polo goberno municipal, ten como obxectivo controlar a poboación dos gatos nas rúas aplicando o método CER de captura, esterilización e retorno. Faise así un control sanitario das colonias felinas ao tempo que, grazas á esterilización de polo menos un 75 dos integrantes, se estabiliza a poboación de gatos nas rúas para que vaia diminuíndo e mesmo quede erradicada.

En concreto, o Concello de Silleda propón no seu plan unha serie de pasos que comeza pola captura dos gatos para proceder a desparasitalos e vacinalos, esterilizados e identificalos, antes de devolvelos ao seu territorio de orixe, que estará limpo e desinfectado. Unha vez alí, serán alimentados e vixilados coa fin de facer un seguemento.

Os beneficios deste método de colonias felinas tradúcese nun descenso de enfermidades infecciosas, a hixienización da zona e a diminución progresiva de membros da colonia. Ademais, tamén se demostrou que a esterilización dos machos evita desprazamentos para buscar parella e, con eles, o perigo de accidentes e atropelos.

O Concello de Silleda solicita agora a colaboración da veciñanza para levar a cabo as distintas accións contempladas no plan. A casa persoa ou grupo de persoas colaboradoras, se lles asignará o coidado dunha colonia e, entre as súas tarefas, estará a subministración dunha alimentación axeitada facilitada polo Concello, a limpeza periódica de comedeiros e bebedoiros e a comunicación co Concello para dar conta de calquera incidencia.

As persoas ou asociacións interesadas en formar parte do programa deberán cubrir o modelo de solicitude correspondente, dispoñible no arquivo que acompaña esta nova, e presentalo de xeito presencial no Rexistro Xeral ou ben telematicamente por sede electrónica.

As persoas solicitantes pasarán a formar parte dunha listaxe de persoas colaboradoras autorizadas e recibirán un carné identificativo. Tamén se lles asignará a xestión dunha ou varias colonias.