Ponse fin ao conflito aberto contra a instalación da gasolineira low-cost nas inmediacións a zonas residenciais
O proceso remata logo dunha longa tramitación na que foron precisos numerosos informes
O Concello de Silleda vén de outorgar a PLENOIL S.L. a licenza de instalación de distribución ao por menor de produtos petrolíferos en réxime de desatendido, nunha finca situada no lugar de Agro do Campo esquina coa EP 7201, nas proximidades da rotonda da Muller labrega, poñendo así fin ao conflito aberto sobre a súa posible instalación en zona próximas a vivendas do casco urbano.
Así pois, a Xunta de Goberno Local aprobou, a licencia que permitirá a instalación de dous surtidores así como de un cargador para vehículos eléctricos, logo dunha longa tramitación urbanística, que precisou de ata dous proxectos refundidos e autorizacións sectoriais do Servizo de Calidade e Avaliación Ambiental da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, do Servizo de Infraestruturas de Vías Provinciais da Deputación de Pontevedra, de Infraestruturas Agrarias da Consellería de Medio Rural, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sustentabilidade e Cambio climático, de AESA e de Hidroeléctrica de Silleda.
A tramitación do expediente, pola súa dificultade técnica, levouse a cabo grazas a colaboración coa Deputación de Pontevedra, cuxas técnicas, logo dunha exhaustiva revisión de toda a documentación, e tras varios requirimentos feitos á empresa, emitiron finalmente informe favorable, que xunto ao informe favorable tamén da Secretaria municipal, permitiron poder aprobar a licencia .
As actuacións consistirán na instalación dunha unidade de servizo, constituída por unha área de subministración cunha edificación auxiliar de planta baixa de 22,96 m² e altura de 2,95 metros destinado a oficina, cuarto de instalacións, dous aseos, un deles accesible, e zona de pago-control. A zona disporá tamén dunha marquesiña de protección aos usuarios, cunha superficie total de cubrición de 250 m² cunha altura de 5,20 metros e dous (2) illotes onde se sitúan os surtidores.
Os depósitos para almacenar o combustible estarán soterrados de xeito independentes nun foso, cunha capacidade de 60.000 litros para Diésel e o outro cunha capacidade de 40.000 litros para Gasolina SP-95.
Ademais de estas obras, que teñen un orzamento de execución material de 381.664,82 €, levarase a cabo outro proxecto construtivo de accesos a parcela, que tamén dispón de licencia e que ten orzamento de execución material de 58.350,56 €.
Este acceso, construirase sobre un viario municipal, con obriga de mellora do mesmo por parte da empresa, no fronte da parcela sobre a que se actúa. Ademais desta obriga, fixada pola Lei, dende o goberno municipal, estase a traballar con Plenoil S.L. para que amplíen esa zona de actuación, e fagan a reparación deste víal en toda a súa lonxitude ata o primeiro cruce.
Ademais do compromiso de adecuación deste viario, coa concesión desta licencia se obriga á empresa a que, para diminuir a visibilidade da instalación, se planten na zona verde da parcela especies autóctonas, de modo que a zona teña un aspecto semellante ás formacións vexetais naturais. Ademais, os noiros resultantes, contarán coa mínima altura imprescindible e deban ser debidamente revexetados.
Coa licencia se exixe tamén, que se faga constar no rexistro da propiedade a vinculación da superficie á construción e ao uso autorizados, declarando indivisible a parcela e recollendo as limitacións ao uso e á edificabilidade impostas pola licencia, limitando así crecementos desta explotación de produtos petrolíferos.
Alegacións ao proxecto
Tras período de exposición pública aberto polo órgano ambiental correspondente, en relación coa tramitación do ditame de incidencia ambiental da actividade solicitada de Estación de servizo, foron presentadas no rexistro do Concello de Silleda unha serie de alegacións ao contido do proxecto
En todas elas se manifestaban varias cuestión comúns. A máis destacada eran as posibles afeccións ao nivel freático e os humedais e que foi desestimada polos técnicos, ao existir resolución favorable do Servizo de Calidade e Avaliación Ambiental da Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda pola que se formula a Declaración de Incidencia Ambiental da actividade de referencia, e na que se conclúe que non é previsible que se vaia producir impactos adversos significativos nas condicións ambientais,
Sobre as posibles afeccións no solo tamén alegadas, a Resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sustentabilidade e Cambio Climático aprobou o informe preliminar de situación do solo e implantación de medidas de control e seguimento, no que se establecen as determinacións para o seguimento da posible afección que sobre a calidade do solo poida ocasionar o desenvolvemento desta actividade, así como presentación de certificados de estanquidade entre outras cuestións en condicións e obrigas aos que están suxeitos.
Tamén foi común a alegación sobre a imposibilidade de aperturar o vial de acceso a gasolineira xustificando que se trataba dun vial en solo rústico, que non era público, pero o informe do Servizo de Infraestruturas Agrarias veu a recoñecelo como público, xa que figura no expediente de concentración parcelaria da zona de Silleda.
Polo tanto, todas as alegacións foron desestimadas nos termos realizados.
Cambio de ubicación, trámites dende 2019 e demanda
A empresa Plenoil presentou en outubro de 2019 un proxecto para ubicarse nunha parcela en Barrio do Campo, moi próxima a vivendas. O goberno local mantivo varias reunións ca veciñanza da zona, e dous anos despois, o Concello personouse na demanda que Plenoil interpuxo contra a decisión da Xunta de non autorizar a declaración ambiental do proxecto, baseandose nun informe municipal no que se se advertía que o uso solicitado non era complatible co Plan Xeral aprobado provisionalmente para o municipio de Silleda.
O goberno local sempre mantivo que a ubicación proposta inicialmente, tan preto de vivendas e edificios, non era a axeitada e convidou dende o primeiro momento á empresa a buscar outras alternativas.