Silleda, 14 de novembro de 2013. O equipo redactor do PXOM de Silleda, da empresa Eptisa volveu reunirse hoxe cos voceiros dos tres grupos políticos municipais para seguir analizando a resolución das alegacións presentadas ao documento urbanístico.
Así, logo de ver en semanas pasadas as correspondentes as doce primeiras parroquias do municipio (por orde alfabética), hoxe analizaronse as de outras 10. En concreto foron as presentadas por veciños e propietarios de Lamela, Laro, Manduas, Margaride, Martixe, Moalde, Negreiros, O Castro e Oleiros. En total, revisaronse 175 alegacións, das que a maioría, un total de 108 foron aceptadas, outras 44 estimadas parcialmente e 23 desestimadas.
Neste último caso trátase de propostas que non teñen cabida na normativa urbanística, e no caso das que se estimaron parcialmente moitas refírense á incorporación en núcleos, na porcentaxe e distancias que marca a Lei do Solo.
Tamén se analizaron alegacións conxuntas de veciños pedindo a creación de novos núcleos, reclamacións que serán estudiadas coa Secretaría Xeral de Urbanismo, unha vez que se delimiten.
Así crearase o núcleo de Maceira Boa, en Manduas, que pasa tamén a formar parte do nomenclátor da parroquia (ata agora este lugar, na saída cara a Moalde figuraba como A Devesa). En Lamela tamén se acordou delimitar como núcleo un grupo de vivendas comprendidas entre Goris e A Peroxa, e en O Castro, o de Monte dos Olmos.
“Nestes casos, que abordaremos cos responsables autonómicos de Urbanismo, tamén se trata de regularizar a situación de vivendas que non se consideran tradicionais”, explica o alcalde e concelleiro de Urbanismo, Manuel Cuíña.
Reunión en Patrimonio
O rexidor sinala que o proceso de revisión das alegacións “se está desenvolvendo segundo o previsto” e que a análise das preto de 600 reclamacións do rural rematará nunha vindeira sesión. Restan por ver as parroquias de Parada, Pazos, Piñeiro, Ponte, Refoxos, Rellas, Saídres, Siador, Taboada, Vilar e Xestoso.
Así mesmo, está previsto manter outro encontro máis para abordar posibles convenios con propietarios en zonas coma a carballeira da Empanada da Bandeira, e outras zonas de Silleda.
Por outra banda, o Concello acaba de recibir o informe sectorial de Patrimonio sobre o PXOM, o único que faltaba. A documentación foi remitida a este departamento autonómico o pasado mes de febreiro.
Manuel Cuíña xa solicitou un encontro coa directora xeral de Patrimonio Cultural, Mª do Carmen Martínez, para analizar este informe.