Silleda, 15 de novembro de 2013. Dende a entrada en vigor da ordenanza marco reguladora da venda ambulante en Silleda, en outubro de 2012, recadáronse un total de 13.721 euros polas taxas que regulan esta actividade no termo municipal. Nesta cantidade inclúense tanto as taxas que abonan os vendedores/as que acoden á feira da Bandeira os días 14 e 29 de cada mes, coma as tarifas que deben de abonar os polbeiros, ou os que exercen a venda ambulante en vehículos.
Nos dous últimos meses de 2012, a recadación foi de 1.659,50 euros, e no que vai do actual exercicio, ata a data de hoxe a cantidade ascende a 12.061,52 euros.
A meirande parte desta cantidade corresponde á feira da Bandeira, que se celebra durante dúas xornadas ao mes, e na que a media de recadación por xornada achégase aos 500 euros.
Para exercer a venda ambulante no termo municipal de Silleda os interesados deben de presentar unha solicitude no Concello, que inclúe unha declaración responsable de que cumple unha serie de requisitos como estar ao corrente no pago de impostos de actividades económicas, das cotizacións á Seguridade Social, nas taxas municipais correspondentes, contar cun seguro de responsabilidade civil con cobertura dos riscos de actividade comercial desemnpañada, ter carné de manipulador de alimentos nos casos que corresponda, ou dispor, no caso de extranxeiros de permiso de residencia e traballo.
Unha vez realizada a solicitude, dende o Concello outórgaselle unha tarxeta a cada vendedor, no que ademais de datos identificativos figuran comprobantes de pago das taxas.
Emitidos 196 permisos
A día de hoxe hai 196 permisos para exercer a venda ambulante expedidos dende a Administración Local, incluíndo os vendedores/as que acoden ao mercado tradicional da Bandeira, polbeiros e vendedores que utilizan vehículos.
Aínda que o pago das taxas se pode facer por adiantado mediante ingreso bancario, moitos dos feirantes que acoden á feira da Bandeira optan por realizar os pagos cada xornada feiral. Para cumprir este trámite, dende o Concello de Silleda vense desprazando personal municipal ao Centro Social dos Maiores da Bandeira, onde un traballador do Concello realiza os cobros pertinentes.
En canto ao control sobre o pago, dende a entrada en vigor da ordenanza a Policía Local efectuou varias denuncias por non estar ao corrente nos pagos. Na maioría dos casos, os comerciantes acudiron con posterioridade a facer o abono que estipula a ordenanza. O incrumprimento da normativa, en canto ao pago das taxas e a outras medidas reguladoras, pode acarrear sancións económicas segundo establece a normativa municipal.
A ordenanza marco reguladora da venda ambulante foi aprobada polo goberno municipal, consensuada con membros do sector, e inclúe aportacións feitas pola Asociación de Vendedores Ambulantes.
Inclúe ademais a taxa unha taxa por uso e ocupación da vía pública con postos, barracas, casetas de vendas, espectáculos, atracións ou recreo, así como rodaxes cinematográficas ou actividades con fin cultural sen fin de lucro e gravacións con proveito comercial ou publicitario.
No caso da venda ambulante a ordenanza estabrece tres modalidades de venda: mercadiños tradicionais, comercio ambulante illado na vía pública e comercio itinerante.
Regularización necesaria
O alcalde, Manuel Cuíña, advirte que a regularización da venda ambulante era unha “asignatura pendente no municipio de Silleda, xa que pese a que existía unha normativa municipal dende o ano 99 esta non se viña aplicando, pese a que se xeneraban un gastos, como o da limpeza, derivado desta actividade”. Tamén lembra que a maioría dos municipios galegos contan con ordenanzas que regulan esta actividade.