Silleda, 1 de decembro de 2017. O Concello de Silleda arranca esta semana a de Nadal 2017-2018 na que figuran máis de 30 actividades para todas as idades e gustos.
A programación arranca mañá sábado na Bandeira co concerto de Santa Icía na Bandeira e remata o 7 de xaneiro co concerto de Aninovo.
Ademais de actividades xa tradicionais, coma os obradoiros da Casa da Xuventude –con temática moi variada-, o programa inclúe tamén novas propostas.
Contacontos, deporte, música e baile tradicional xuntánse coas xa clásicas visitas de Papá Noel e os Reis Magos.
A Casa da Xuventude será un dos escenarios onde ademais dos tradicionais obradoiros se celebren outras actividades. Así, o vindeiro sábado 9 decembro Fran Rei poñerá en escea “A historia de Blanca Flor”, ás 17:30 horas.
No ámbito deportivo o vindeiro mércores día 6 o equipo de baloncesto do Obradoiro CAB da liga ACB fará un adestramento aberto no pavillón de Silleda con sinatura de autógrafos.
Tamén nesta xornada arrancará o 18 Concurso de Escaparates de Nadal para os comercio. Na vindeira fin de semana coa II Festa Gastronómica do Porco e II Feira de Artesanía como protagonistas, tamén terá lugarna parroquia de Parada o sábado día 9 a sesión. “Café, concerto e…doces”, con Najla Shami, acompañada de Héctor Lorenzo á guitarra, cita organizada pola Asociación de Veciños de Parada.
O día 11 terá lugar a apertura do Belén e a Árbore de Nadal no Centro Cultural Vistalegre, outro dos escenarios das actividades, organizadas pola Asociación Cultural Vistalegre en colaboración co Concello e a Anpa Brincadeira. Así o día 12 haberá xa en Vista Alegre un obradoiro de postais de Nadal.
O 15 de decembro celébrase o torneo de tenis de mesa na Casa da Xuventude e o 16 a música coral será protagonista co concertó da Coral Polifónica Trasdeza na igrexa de Silleda (19:30 horas).
O domingo 17, os alumnos da Escola de Música Municipal de Silleda ofrecerá a súa tradicional audición (18:00 horas).
Xa na xornada do xoves 21, a toponimia centrará a actividade da Rede de Dinamización Lingüística, coa presentación do buscador de topónimos, unha aplicación da que se falará na Casa da Xuventude ás 19:30 horas .
Obradoiros, exhibicións deportivas e gala de Xirandola
Tamén o xoves 21 Vista Alegre celebra a súa demostración gastronómica de Nadal (20:00 horas). O día 22 celébrase a Xuntanza de Nadal dos Maiores, no restaurante Coteliño e na Casa da Xuventude darán comezo os obradoiros, coa elaboración de Dulceiros de Papá Noel (17:00 horas).
O sábado 23 o deporte volve ser protagonista. A partir das 16:30 horas celébrase no pavillón César González Fares unha nova edición do Torneo de Fútbol “Biberón”, que se acompañará da exhibición do alumnado de Zumba Kids, e de patinaxe. Tamén na Casa da Xuventude haberá un obradoiro de pintura coas mans.
A música e o baile tradicional rematará a xornada deste sábado coa gala do XXX Aniversario de Xirandola, no auditorio Manuel Dopazo (19:30 horas).
Xa o día de Nadal, o luns 25, Papá Noel visitará un ano máis a localidade da Bandeira, co desfile que sairá do auditorio Manuel Dopazo e a recepción no Centro Cultural Vistalegre, onde non faltará a merenda, as fotos co protagonista e a entrega de premios do certame de postais da Asociación Vista Alegre.
O martes 26 na Casa da Xuventude haberá un obradoiro de confección de bonecos de neve con paus de xeado e na Bandeira cine infantil en Vista Alegre.
Contacontos na Biblioteca, Apalpador e Fin de Ano
A biblioteca municipal Daniel Castelao acollerá na xornada no 27 de decembro a sesión de contos “Paxariños”, para nenos e nenas de 1 a 3 anos, e o día 28 os contos para os máis novos chegarán a Vista Alegre no marco do Programa Avelaíña, para o púbico infantil.
O venres 29 o Apalpador visitará a Casa da Xuventude onde a partir das 17:30 horas terá lugar a Festa Infantil de Fin de Ano, con cotillón, merenda e animación para todos. No Centro Social dos Maiores, ás 20:30, a terceira idade volve adiantarse un ano máis ás 12 badaladas da Noite Vella, co ensaio de Fin de Ano.-
O sábado 30 a Banda de Música Municipal de Silleda ofrecerá o seu concerto de Nadal no auditorio da Semana Verde (21:00 horas).
Tamén volta a Carreira de San Silvestre, o 31 de decembro, que se recuperou hai dous anos. A saída será ás 12:00 horas dende a praza Juan Salgueiro de Silleda.
O 2 de xaneiro voltan os obradoiros para os máis novos e o día 3 haberá contos na biblioteca e cine en Vista Alegre.
Xa o día 5 de xaneiro a aula de Música Tradicional do Colexio María Inmaculada de Silleda cantará panxoliñas polas rúas durante a mañá, anticipando un dos momentos mais agaradados: a cabalgata dos Reis Magos, que serán recibidos na Casa da Cultura antes de percorrer as rúas de Silleda e rematar coa recepción na Semana Verde.
O programa péchase o domingo día 7 de xaneiro co concerto de Aninovo no auditorio Manuel Dopazo da Bandeira, con presencia de todas as agrupacións de música, baile e teatro da localidade.
Alumeado de Nadal e Silleda Solidaria
O alumeado de Nadal estase xa a colocar nestes días nas principais rúas e edificios públicos de Silleda e da Bandeira. Así mesmo, ao igual que en anos anteriores, algunhas das actividades recollerán doazóns para o programa municipal Silleda Solidaria.
Dende o Concello agradécese a participación e colaboración de todos os colectivos, asociacións e entidades que colaboran con esta programación.