Silleda, 21 de outubro de 2016. O Concello de Silleda, continuando coa liña de colaboración con Solidariedade Galega co Pobo Saharaui (Sogasp), difunde a través do departamento municipal de Benestar Social o programa Vacacións en Paz, un proxecto de acollida temporal de nenos e nenas saharauís durante os meses de xullo e agosto.
Esta iniciativa, que en Galicia desenvolve Sogaps a petición expresa do goberno da República Árabe Saharauí Democrática (RASD), xa ten aberto o prazo para o vindeiro ano.
Dende Benestar Social a concelleira Pili Peón lembra que o pasado verán foron dúas as familias silledenses que participaron no programa “con moi gratas experiencias”. Peón anima aos veciños e veciñas a informarse sobre esta iniciativa e a participar como familias acolledoras.
Todas aquelas persoas que estén interesadas poden dirixirse ao departamento municipal (no Centro Social de Silleda) para recibir máis información.
Para ser familia acolledora de Vacacións en Paz, desde Solidariedade Galega co Pobo Saharauí solicítase unha sensibilización especial cara a causa do Sahara Occidental e o seu pobo, polo que a partir deste ano será obrigatorio asistir a unhas xornadas formativas, ademais de presentar unha serie de documentación e cumprir outros requisitos.
Galicia vén participando nesta iniciativa solidaria desde o ano 1991, ofrecendo ás familias saharauís a posibilidade de que as súas fillas e os seus fillos gocen dunha estancia agradable, humana e culturalmente rica, baixo a supervisión e os coidados das familias acolledoras galegas.
Este programa lévase a cabo grazas á colaboración de familias acolledoras, e a diferentes institucións e organismos .