Aberto o prazo para solicitar as becas para o transporte universitario e estudantes de ciclos formativos e as axudas á compra de libros e material escolar

 

Silleda, 16 de agosto de 2016.  A Xunta de Goberno Local de Silleda aprobou o pasado mércores a proposta da concelleira de Educación e Benestar Social, Pili Peón, das bases que regulan a concesión de becas para o transporte, destinados a universitarios/as e estudantes de ciclos formativos  que cursen estudos oficiais en algún dos Campus e/ou institucións da Comunidade Autónoma.

O importe máximo da subvención por beneficiario/a será de 450 euros, para todo o curso 2016/2017.  Poderán optar a estas axudas persoas residentes e empadroadas no municipio de Silleda (alomenos un ano antes da publicación das bases), e que cursen os referidos estudos universitarios e ciclos formativos. Así mesmo, a renda per cápita familiar debe de ser igual ou inferior a 10.000 euros.

Ao igual que aconteceu xa o pasado ano, as axudas serán con ingreso directo na conta bancaria dos beneficiarios. As solicitudes poderán presentarse nun prazo de 15 días naturais a contar dende a publicación das bases na web municipal. O prazo remata o vindeiro día 31 de agosto.

As solicitudes deben de presentarse no Rexistro Xeral do Concello, cumprimentando o formulario anexo as bases e achegando outra documentación. Así, os solicitantes deben presentar fotocopia do seu DNI, da matrícula do curso escolar en curso, copia da renda familiar do exercicio 2015, ou no seu caso certificado da Axencia Tributaria de non telo e certificación bancaria da conta a nome do beneficiario da axuda ou no seu caso do titor/a legal do mesmo.

Estas axudas chegan con cargo ao orzamento municipal de 2016 que se aprobou o pasado mes de novembro.

Axudas para material escolar

Por outra banda, na mesma sesión o goberno local aprobou tamén as bases que rexerán as axudas complementarias para que as familias con poucos recursos poidan completar os gastos destinados a mercar libros e material escolar, que non lle cubre o vale concedido pola Xunta de Galicia. 

As condicións e requisitos desta convocatoria tamén poden  consultarse na web municipal, coa normativa que rexerá as axudas, como os formularios que deben de cubrir as persoas interesadas que cumpran os requisitos establecidos.

 Serán beneficiarias aquelas familias que precisan de protección especial ou con todos os seus membros en situación de desemprego, con alumnos/as que cursen estudos de Primaria ou ESO.

As solicitudes poden recollerse no departamento de Benestar Social, (ou descargarse tamén da web), e unha vez cubertas deben de presentarse no Rexistro Xeral do Concello, en horario de 09.00 a 14.00 horas de luns a venres, e os sábados de 9.00 a 13.00 horas, tamén ata o vindeiro 31 de agosto. As persoas beneficiarias das axudas recibirán un vale coa achega necesaria que lles entregarán en Benestar Social, para canxear nas librerías do municipio de Silleda que vendan material escolar.

A continuación, nos documentos adxuntos  (pinchar no titular desta nova) recóllense as bases e anexos correspondentes da convocatoria.