Silleda, 16 de abril de 2014. A Concellería de Turismo do Concello de Silleda, que dirixe Margarita Campos, volve acollerse ao programa de bolsas da Fundación Empresa-Universidade Galega (Feuga), que promove a contratación de mozos/as recén licenciados que nunca antes tiveran traballado na súa especialidade, para contar con personal de información turística no mosteiro de Carboeiro. Os/as aspirantes deberán estar en posesión do título de Diplomado en Turismo, Graduado en Turismo ou Técnico Superior en Información e Comercialización Turística, ou en Axencias de viaxes e xestión de eventos; guía e información e Asistencia Turísticas ou ben en Xestión de Alonxamentos Turísticos. Terán a posibilidade de desfrutar desta bolsa remunerada por un período mínimo de seis meses e posibilidades de prórroga ata doce.
No caso dos que teñan título universitario, deberán de estar ademais inscritos/as no Servizo Público de Emprego de Galicia e ter cursado estudos nunha das tres universidades galegas, ser menor de 31 anos e ter finalizado os estudos nos tres últimos anos. Para os técnicos en formación profesional, tamén se esixe estar inscrito na oficina de emprego, ser menor de 30 anos e ter finalizado os estudos nos tres últimos anos. No caso dos universitarios/as a asignación económica mínima é de 600 euros brutos por mes, e no de técnicos en FP, de 500 euros.
En canto ao proceso de selección, a Feuga realizará este trámite a través das oficinas de emprego de Galicia, entre os aspirantes que cumpran os requisitos. A valoración de méritos (expediente académico, cursos de formación e perfeccionamento, máster, coñecemento de idiomas…) suporá o 40% da puntuación total no proceso de selección, mentras que a proba oral, que versará sobre coñecementos xerais relacionados coas función a desenvolver no punto de información turístico de Silleda, coñecementos xerais sobre o turismo de Galiza e en particular dos recursos de Trasdeza, suporá o 60% da puntuación total.
A documentación presentarase no Concello de Silleda (ben directamente no Rexistro municipal ou a través de Correos con selo de entrada enviando a xustificación por fax ao 986 581021). A entrevista persoal terá lugar na Casa da Cultura o día 6 de maio a partir das 09.00 horas. Prevése que o comité de selección teña resolto o proceso nas vindeiras semanas para que os seleccionados poidan comezar a traballar a partir do mes de maio. As bases para a selección poden consultarse no seguinte arquivo adxunto (entrando na presente noticia, facendo click no titular)