Comeza na parroquia de Parada a exposición públlica do PXOM no rural

 

Silleda, 2 de xaneiro de 2013. A parroquia de Parada abrirá o calendario de visitas coa exposición do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Silleda como protagonista. A cita será pasado mañá venres día 4 de xaneiro, ás 17.00 horas. Neste caso, a reunión no centro social de Parada servirá tamén para informar aos veciños e veciñas do inminente inicio das obras de reparación da ponte de Portodabalde, que está previsto comezar o vindeiro luns día 7 por parte da empresa adxudicataria.

Logo dunha primeira explicación xeral sobre o planeamento, na xuntanza, á que asistirán entre outros a alcaldesa e responsable municipal de Urbanismo, Paula Fernández Pena, os veciños e veciñas poderán consultar os planos e recibir explicación pormenorizada do documento. “Este será o esquema que seguiremos en todas as reunións nas parroquias”, explica Fernández Pena, que reitera que a intención do goberno municipal é realizar unha exposición pública “exemplar” na que “ningún veciño ou propietario quede sen ver o documento”, engade.

En todas as parroquias, nas datas fixadas, as reunións contarán ademais coa asitencia de persoal técnico do Concello, que axudará aos usuarios a aclarar dúbidas e a formular as alegacións. Ademais, as xuntanzas nos distintos centros sociais do rural contarán co desprazamento de material técnico (pantallas, proxector, impresoras…) que axudarán tanto á visualización do documento como á redacción e preparación das alegacións.

En todas as localidades as reunións comezarán ás 17.00 horas. Para informar aos veciños elaboraranse bandos municipais, e tal e como explicara a alcaldesa no pleno do pasado mes de decembro no que se aprobou inicialmente o documento tamén se avisará telefónicamente a todas as vivendas, “ a fin de dar a maior difusión posible ás xuntanzas, xa que a revisión do documento é de vital importancia, e non queremos que ninguén quede sen consultalo”, engade a rexedora sobre o PXOM, que dende o pasado día 26 está xa disponible nas dependencias de Urbanismo.

Por outra banda, xa foi remitido o anuncio da aprobación inicial, para a súa publicación no BOP e no DOG. O prazo oficial de exposición pública, de dous meses de duración, comezará a contar dende a data de publicación nos diarios oficiais.

Os traballos de dilixencia do documento continúan e esperase que rematen ao longo de esta semana.

Ata finais de febreiro

Neste mes de xaneiro as reunións continuarán en Laro (día 7); Refoxos (día 8); Cortegada (9); Oleiros (día 10); Taboada (11); Vilar (14); Siador (16); Chapa (18); Cira (21); Lamela (22); Piñeiro (23); Cervaña (24); Graba (25); Martixe-Ansemil (28) e Pazos o día 29.

Xa en febreiro, o calendario estabrecido fixa as reunións en Dornelas (día 4); Carboeiro (5); Fiestras (6); Xestoso (7); Moalde (8); Margaride (11); Negreiros (13); Rellas (15); Saídres (18); Abades (19); Breixa (20) O Castro (21); Ponte (22); Escuadro (25) e Manduas o día 27.