Silleda, 13 de abril de 2013. O Concello de Silleda, a través dos departamentos de Educación e Mocidade, abrirá o vindeiro mes de maio o prazo de inscrición para participar no English Surf Camp que terá lugar nos meses de verán en Caldebarcos, no municipio coruñés de Carnota.
A iniciativa, dirixida a rapaces/as con idades comprendidas entre os 12 e os 17 anos, busca fomentar o encontro dos mozas e mozas e rachar cos seus medos á hora de falar en inglés, aprendendo dun xeito lúdico e desenfadado.
Ademais da aprendizaxe do inglés, da man de profesionais, este espazo lúdico oferta a posibilidade de realizar actividades náuticas de calidade.Ademais de bodyboard, surf, kayak-surf, esnorquel con scooter, paddelboard ou zumball, na proposta tamén figuran actividades de tempo libre coma rutas de sendeirismo, en BTT, tiro con arco ou King Ball, entre outros deportes alternativos.
No apartado de inglés, o programa inclúe a celebración de obradoiros vivenciais e de situacións para desenvolverse neste idioma, así como sesións de videocreación
Para que os mozos e mozas silledenses poidan participar precísase un grupo mínimo de 20 persoas inscritas.
As estancias no albergue de Caldebarcos, onde se realiza este campamento de xeito exclusivo, son de 7 días e ofértanse quendas durante os meses de xullo e agosto. No campamento, ademais do director partipan tres monitores/as con titulacións oficiais en actividades náuticas e diferentes niveis de inglés.
O prezo por persoa é de 250 euros, incluíndo o aloxamento e mantenza en pensión completa, materiais ou desprazamentos.