Silleda, 18 de abril de 2013. O Concello de Silleda, a través da Concellería de Cultura, que dirixe Margarita Campos, convidará a todos os artistas e artesáns do municipio a deseñar o agasallo institucional do Concello. Poderán participar todos aqueles creadores/as empadroados e afincados no municipio ou os que sexan oriundos de Silleda. As propostas poderán presentarse no Concello, baixo pseudónimo, ata o día 22 de maio ás 15.00 horas. Os deseños presentaranse en pequeño formato e cada creador poderá propoñer varias propostas, sempre baixo pseudónimo. Noutro sobre indicará os datos persoais.
Estímase que o custe de cada unidade non pode superar os 10 euros. O xurado, que estará formado por concelleiros/as, e por profesionais do mundo do deseño, a publicidade e dos medios emitirá o seu fallo o vindeiro 29 de maio. O autor/a do deseño seleccionado cederá en exclusiva ao Concello de Silleda os dereitos de explotación da obra.
“En Silleda contamos con moitos e bos artesáns e artistas que consideramos que poden realizar un deseño que sirva como agasallo institucional do Concello e que a mesmo tempo sexa embaixador do bo facer dos nosos creadores e creadoras”, sinala a concelleira de Cultura Margarita Campos, que reitera que a convocatoria está aberta a todos aqueles que queiran participar.
Nos vindeiros días subiranse á web municipal as bases da convocatoria coa que o Concello pretende integrar a tradición, historia, patrimonio, arte, natureza…do municipio nun motivo que sexa representativo de Silleda.